Opinión

Cando a vítima é xitana

Os medios de comunicación déronlle máis cobertura ao asasinato de Lupe, ao ser unha muller xitana. A familia do marido asasino foi desterrada para evitar vinganzas.

Os medios de comunicación déronlle máis cobertura ao asasinato de Lupe, ao ser unha muller xitana. A familia do marido asasino foi desterrada para evitar vinganzas.

"Falei coa nai, unha señora co pano negro que, cando lle din o pésame, me deixou a cara chea de bágoas, o ánimo encollido e áspero como as súas mans"

As feministas de Vigo, que soemos manifestarnos periodicamente pola violencia machista, fixémolo igual esta vez, pero acompañadas de moitas mulleres xitanas, de rigoroso loito, e algún home, que mostraron a súa dor, alzaron a súa indignación e reclamaron unha sociedade sen violencia e sen malos tratos.

Lupe era unha muller nova, que tiña 5 fillas e un fillo. Á  maior de 22 anos, séguelle outra de 16, as dúas con cadanseu fillo xa, vén logo unha de 11, outra de 6, un neno de 2, e a pequena que cumpria un ano o día que o pai deixounas orfas. Todas contemplaron os malos tratos á nai e viviron experiencias de terror. 

"Sei que podo dicirlle que nos, as payas, tamén pasamos por eses transos, sufrimos abusos e xa contamos máis de 15 asasinadas no que vai de ano"

Na manifestación as fillas e a nai de Lupe choraban moi sentidas. Falei coa nai, unha señora co pano negro que, cando lle din o pésame, me deixou a cara chea de bágoas, o ánimo encollido e áspero como as súas mans. Díxenlle sinceramente que contara comigo se o necesitaba. Chámase María de la O e ten moitas criaturas ao seu cargo. Irei visitala un día destes. 

Sei que podo dicirlle que nos, as payas, tamén pasamos por eses transos, sufrimos abusos e xa contamos máis de 15 asasinadas no que vai de ano. Que estamos unidas polo mesmo terror, aínda que nos separe a cultura e a situación de benestar, nalgúns casos. Direillo a María de la O en nome de todas as feministas galegas e das que non saben que o son.  

Comentarios