Opinión

Así nos toca Brasil

O  Auditorio do Mar de Vigo caeu na bossa nova, como nun orgasmo colectivo, con entusiasmo ante a música coñecida, o son de palabras nosas, ritmos de jazz, samba negra,  ritmo sensual, gritos e xemidos, melodías de xuventude, saudade da saudade, dos 50, dos 60, dos 70 e 80 das que eramos novas daquela e da mocidade actual, dos que chegaron e han chegar a un pracer musical, un deixarse ir pola cadencia, pola fuxida do ton, polo desvío, a desharmonía harmónica, da bossa nova, rasando o cantil tonal inaccesible, riscando a guitarra cos dedos que en rompente abrazan, agariman as cordas, nos dedos exquisitos de Toquinho,  vibrando na pel e nos pés  dun auditorio entregado coreando os poemas de Vinicius de Moraes, tan presente e tan intenso na voz sensacional de Maria Creuza que cos anos foi collendo novos matices, elaborándose nas cordas vocais, coa memoria, a saudade de noites memorables, xunto aos acordes jazzísticos actuais que saen do piano tocado polo seu marido, nun dúo abrazado pola maxia que o auditorio soubo gozar en suspenso. 

O público de Vigo sabía que estaba ante un concerto especial, cos artistas que tanto pracer lle deran e daban; non sei se eles agardaban unha acollida e unha comprensión tan fonda. Orballadas pola felicidade do amor de Vinicius ou sentidas pola fame dos fuxidos do sertâo como da dos emigrantes galegos que alá chegaron, vivimos as nosas palabras retornadas de lonxe co mesmo valor e xeito co que para alá foron. O atlántico faise pequeno e a electricidade, transmitida de pel a pel esgrevia, de butaca a butaca, mitifica o ambiente. Maravilha!!

O público de Vigo sabía que estaba ante un concerto especial, cos artistas que tanto pracer lle deran e daban; non sei se eles agardaban unha acollida e unha comprensión tan fonda
    
Malgré a deficiencia do son do lugar e dos micros.  Mágoa que a estas alturas da técnica non consigan construír auditorios, non digo mellor, pero coa mesma acústica dos teatros de hai un século.

Menos mal que o entusiasmo superou calquera eiva e no escenario sentiron que o Brasil e as súa cancións nos tocan e profundan. 

Comentarios