Opinión

Xudicialea, ou tomar a serio a xustiza (2)

Levan tempo xa os poderes do estado cos ánimos presos de triganzas por ver se de vez se da ligado un trío de Montesquieu como é debido e, curiosamente, é o grande acordo entre dereita e esquerda o que está a causar, en varios cumes do poder xudicial, unha blocaxe idemocrática no que, por utilizar unha coñecida imaxe pesqueira, pode chamarse recrutamento das cohortes que deberían sustituir hai xa tempo varios stocks en declinio de vizor. En efeito, a dereita semella atribuir enxisgo conservador ao corpo fornecedor dos elementos de recambio e teima en que eles sexan, sen outros filtros, quen seleccionen os seus cumes. Igualmente a esquerda semella atribuir enxisgo conservador ao citado corpo e porfía por interpoñer a filtraxe parlamentar na súa escolla.

Se admitimos o postulado de existenza dunha poboación progresista non nula no corpo xudicial, cabe propoñer varias solucións que se cadra satisfán á totalidade dos participantes directos na retesía. Do populoso participante indirecto, non se sabe ben se por esa madureza cautelosa que lle concede o pretendente devoto, ou por esa convición zamurda que outorga xenerosa a ignorancia, non pode nen dicirse que ve con indiferenza un espantallo máis da nosa paisaxe política, porque o certo é que nen tan sequer semella mirar a paisaxe.

Nestas condicións, unha primeira solución eficaz e simple é a da selección aleatoria, complemen- tada cunha regra para equilibrar a relación de sexos no resultado. As leis da probabilidade, naturalmente, conducirían polo común a composicións de enxisgo conservador, pero aínda así elas mesmas permiten agardar situacións estatisticamente preferíbeis á actual dinámica de resonancias, disonancias e intemperancias sucesivas entre poderes.

Unha segunda solución introduce unha compoñente meritocrática no proceso, que comezaría pola confección dunha lista ordenada segundo o cociente entre condenas e suma de absolucións máis arquivamentos evacuadas polos elexíbeis nas querelas máis caracterizadoras do espectro delitivo do país. Fixado polos especialistas un valor crítico dese índice que definise as categorías de punidores e consentidores, aplicaríase a seguir un algoritmo como o equilibrador dos sexos, simultánea e indepen- dentemente deste. O resultado acollería así os dares e teres da interacción entre corpo xudicial e corpo social, escudindo ao mesmo tempo as dificuldades que, como se sabe por Hollywood, produce na elección daquel poder a intervención directa do pobo, sempre moi accesíbel a filias e fobias emocio- nais cos inculpados, que acaban traducíndose en connivencias e asañamentos pouco racionais.

Máis conforme cos tempos, porén, sería un trámite inspirado nos xogos cooperativos onde todos gañan (a expensas da contorna), tan atractivos hoxe na freguesía do crecemento ilimitado, e que tería a virtude de seleccionar os candidatos máis aptos para o pacto e con máis fina intelixencia emocional. Un clásico a este respeito é o coñecido como xogo das luvas cun número arbitrario de xogadores, onde cada un deles recebe unha única luva, dereita ou esquerda, dependendo a retribución colectiva do logro do máximo número posíbel de parellas. Cabería preparar unha versión virtual do xogo cun reparto aleatorio de luvas que permitise o número requirido de pares, e deixar que as señorías negociasen durante un periodo prudente a feitura dos seus cumes. Os graos de imprescindibilidade dos xogadores –os chamados valores de Shapley–, chave da coalición xusta, implican subtilezas algo superiores ás da regra de d’Hondt, pero o ministerio de xustiza ha ter –debería ter– asisados asesores expertos na teoría de xogos, para instruir debidamente ás señorías interesadas.

Mais sen sairmos deste marco teórico, acaso fose preferíbel un expediente menos sofisticado, moi acaído á selección da aptitude para xulgar posibilidades opostas en contextos ambiguos e pleno, ao cabo, de esgrevia enxebreza ibérica. Unha liga de tute cabrón sería así a escolla máis apropriada para sacar o invento de Montesquieu das calzas pretas nas que o ten metido o estado carpetovetónico.

Comentarios