Opinión

Lexpert, ou tomar a serio a xustiza

Dúas recentes evacuacións de altas instancias xudiciais do país veñen de producir estupefacto acatamento en diversos círculos versados en leis. Primeiro o caso do ministro que montou, seica como contributo anónimo ao socorro gremial, unha división policíaca para eliminar probas da corrupción no seu partido. Logo, nos inicios da peste vírica, o da seica inicua restrición da liberdade cívica para o contacto infeccioso-susceptíbel, principal factor dos modelos epidémicos. Non vou apolegar aquí nestes lances concretos, tratados xa copiosamente por xentes peritas nos arcanos lexislativos. Tan só disentirei cortesmente da vindicación de Coscubiela en prol do sentido xurídico como variante do sentido común, lembrando que este é o que nos di que o sol xira arredor da terra de leste a oeste. Eu pediríalle ao dereito unha grá un chisco menos grosa.

Partirei en troques da tristísima feita na que o gabinete amigo que me tramitou un testamento aciago concluíu oferecéndome catro opcións con impostos decrecentes, na primeira triplo dos da cuarta. Todas son legais, díxoseme, pero na cuarta, Facenda reclamará. Perderá, porque hai moreas de xurisprudencia no teu prol (en realidade reclaman só por ver se tragas), pero a resolución váiseche adiar un ano ou dous. Ao escoller a terceira por civismo, a miña amiga quixo disipar o meu abraio e explicoume que as escuras silveiras legais que nos rabuñan nel integro cammin di nostra vita están só para enlearen a quen non acoden a servizos como os dela.

O observador inxel estaría tentado agora a pedir simplificación lexislativa, pero sabido é que iso erguería un irado coro de politósofos acusando de simplismo populista. Certo que hai recoñecidos economistas para quen o feito de o Estado español multiplicar por dez as leis do alemán só delata o clientelismo de estado e autonomías, que lexislan polo catecismo das empresas con man no poder. Mais sábese tamén que a incerteza xurídica neste país é só culpa das veleidades federalistas, sendo disque a nosa idiosincrasia a que nos impide disolvelas, coma Alemaña, nunha república federal.

A sermos xustos, porén, recoñeceremos que un medrío estimado de 900 leis/ano, máis 18 leis/día na UE, crea fadigas ímprobas no matiz xurídico. Na matemática, se aumenta a complexidade dun sistema aumentan as solucións posíbeis: unha ecuación de primeiro grao ten unha solución, de segundo grao dúas e así en diante. Non debe estrañar pois que na sutileza do campo legal un caso simple poida ter unha solución complexa, un caso complexo ter unha solución simple, e idéntico caso, simple ou complexo, ter ás veces unha solución, e ás veces outras.

Aquí é onde ven auxiliarnos a chamada lóxica borrosa, método inferencial minudenciosamente sensíbel ao contexto, relacionado no seu inicio precisamente co problema da decisión xusta e que hoxe o avanzo da computación permite aplicar dende nos avións até nos frigoríficos. Se nun acto humano son relevantes, poñamos, tan só 10 factores con cadanseu par de opostos, ese acto implicaría 2^10=1.024 categorías, e 2^20=1.048.576 no caso –nada raro, dada a nosa complexidade motivacional– de 20 factores. E se dun xuíz humano non cabe reclamar o control dun tal abano de matices –aliás necesarios nunha tipificación axustada–, si resulta factíbel que unha equipa competente desenvolva nun prazo razoábel, digamos o que duran ultimamente algúns dos nosos altos tribunais, un sistema experto computacional, un Lexpert (incluíndo o Aranzadi transcrito á álxebra booleana e refinados algoritmos de ponderación para o voto dos xurados) capaz de avaliar instrucións de miles de páxinas, con precisión infinitesimal nos agravantes e atenuantes, en tempos de horas ou se cadra minutos. O papel do xuíz, libre así dos labirintos técnicos da delincuencia económica, o contexto da corrupción política, hoxe o marco pandémico, mañá quen sabe o que, limitaríase a redixir os resultados de Lexpert en forma de esclarecedoras sentenzas, con sonoros arcaísmos en pontos de especial impacto emocional para lles daren empaque humanístico ás evacuacións.

Comentarios