Opinión

A invisíbel man que estrangula

O postulado basilar do liberalismo sostén que o mecanismo do mercado tende naturalmente ao óptimo social. Dous exemplos de grande interese e actualidade ilustran ben a natureza desta engrenaxe.

Voces castrenses explicaron que o primitivismo de Putin fora encirrado pola  OTAN dende Gorbachov

1. Nos primeiros días da invasión rusa de Ucraína, moitos media convidaron militares aos faladoiros,  porque os analistas de costume, malia a súa notábel versatilidade, semellaban un chisco desnortados no mar proceloso dunha orxía marcial entre xentes, todas elas, de raza caucásica, que din os antropómetras. Con discurso claro e cabido, acreditadas voces castrenses explicaron que o brután primitivismo de Putin, sen ser xustificábel, fora longamente encirrado pola groseira política da OTAN dende o solpor de Gorbachov. Conviñeron na inoportunidade dos ingresos de Suecia e Finlandia, na necesidade de negociar deixándolle unha saída ao ruso, e sacaron á luz o feito, pouco coñecido, dos gastos militares globais da Unión Europea cuadruplicaren inutilmente os rusos. Inferindo, dada a infeliz vixencia do rancio si vis pacem para bellum, que a UE debería ir escollendo entre importar F-18 e mísiles para maior ventura da fábrica militar estadounidense ou coordinar unha industria armamentista  propia, que poida xogar á disuasión deixando postos de traballo na casa. Contribuiría esta segunda vía –afirmaron militares solventes– á cohesión europea, a aforrar gastos en defensa e a evitar –dicíano con máis diplomacia– que fose algún cow-boy priápico, atrabiliario ou senil quen decidise, dende outro continente, prender neste unha guerra cómoda para o seu.

Nos montes unha boa fracción dos aeroxeradores eólicos bota parada unha fracción importante de horas ao día

2. Quen hoxe percorra Galiza poderá constatar que dos aeroxeradores que dan feitío futurista aos montes, unha boa fracción bota parada unha fracción importante de horas ao día, estado que a fábula eólica que se lle dispensa á opinión pública explica en dous capítulos. O primeiro di que a enerxía eléctrica non é almacenábel en pías de forma rendíbel (detalle, por certo, que omite o mito do parque eléctrico substituto do actual de coches de combustión). O segundo, que as paradas son, pois, o produto inevitábel do frecuente desfase temporal entre a demanda eléctrica e un vento acaído: intenso, pero sen exceder valores nos que cabería agardar altas producións, pero que, infelizmente, obrigan a paradas adicionais para evitar posíbeis avarías por sobrecarga.

Por que non se acode aquí á vella mecánica desmultiplicadora (a caixa de cambios, vaia) é enigma con parecido sospeitoso ao que baleira encoros, aumentando así a proporción das fontes que producen máis ganancias na combinación –o que chaman mix, por lle dar misterio– das que satisfán a demanda eléctrica. E o de que a enerxía eléctrica non sexa acumulábel é unha media verdade 'intereseira', xa que a electrólise da auga produce hidróxeno (verdadeira pía de enerxía nun planeta de atmosfera oxidante) e osíxeno (gas con múltiples usos), nun dos poucos procesos coas tres vantaxes máis substanciais nos usos enerxéticos que por forza nos han rexer a breve prazo1. En efecto, os gases  así obtidos son máis puros do que os de calquera outra orixe e máis limpo o proceso, a produción ten un carácter razoabelmente distribuído, e a operación pode realizarse nos períodos carentes de demanda eléctrica, sen competir, pois, con ningunha outra alternativa.

Abondou porén que o reputado sector español da festa armase a cimeira da OTAN, para que os intelectuais orgánicos dos media viran sensata a subida do gasto militar ibérico até o 2% do PIB, por lle axudar á OTAN na defensa do secular inimigo ruso e o ancestral desafío chinés. E abonda citar a electrólise para que os especuladores do mix obxecten o baixo rendemento da conversión, esquecendo que o seu traballo en substitución das paradas eólicas consome, por definición, unha enerxía sen valor de mercado.

Tal parece que a salvífica man invisíbel de Adam Smith propende máis ben a estrangular.

1. Vid. p. ex.: Energy storage. Fundamentals, materials and applications. Robert A. Huggins (2016). Stanford University, USA. 509 pp. Springer International Publishing. 2nd Ed. ISBN 978-3-319-21238-8.

Comentarios