Opinión

Dixitalización

Nun país coma o noso, que nen tan sequer co desinfle pestífero do turismo quere entender o que significa engadir valor, nen a fraxilidade dun sistema que debe importar practicamente todo aquilo que o engade aos recursos básicos, a algúns escépticos danlles arrepíos cando escoitan á dirixencia política falar de dixitalización, en especial cando algún deses seareiros do díxito tenciona ilustrar a súa singular importancia en proveito do votante. 

Son dunha xeración –e vivín unha profisión– que accedeu á informática cando se botaba unha mañá a furar nunha tarxeta para programar unha operación trivial que hoxe leva, nunha vulgar folla de cálculo, pouco máis tempo do que o de teclear os dados. Unha xeración, tamén, que se ten abstido de atacar problemas que sabía formular, pero que, carentes das elegantes solucións chamadas analíticas, requirirían se cadra semanas ou meses de métodos numéricos, de cálculos tediosos obrigados a tanteos arrincando simulacións unha e outra vez, que hoxe resolvemos en horas ou días. Creo ter, pois, unha idea razoabelmente clara das surprendentes vantaxes da computación para axudar no desenvolvemento, mesmo na catálise, de ideas en moi diferentes dominios. 

Ora ben: no discurso político da dixitalización danse a miúdo turbadores indicios de ser cousa máis leviá o que botan a menos quen falan de alfabetización dixital. O que os políticos madurotes envexan dos nativos dixitais é o ben que estes se moven en Facebook, Twitter, Whatsapp, Instagram, Telegram e outras marañas sociais, e mesmo, a poder de intuición emoticónica, por páxinas web cuns déficits que delatan creadores con formación de manga e hipertexto máis do que de libro e saber estruturado. Doado é entender que a rede poida potenciar vendas, un community manager agudo mellorar unha imaxe, e até que un influencer con moito follower axude citando a marca entre o badúe que se marca grazas á falla do labor de edición que Luisgé Martín deploraba xa en 2010 nun artigo que titulara retranqueiro ¡Mueran los ‘heditores’!. Mais como dixo o outro, non é isto, non é isto. 

Contén aquela inxel perspectiva dúas perversas vacuidades, dúas aleives metonimias. A primeira é pensar que o dixital pode substituír as ideas; a segunda esquecer que vender, difundir, publicitar son actividades vicarias, ancilares, transitivas, que precisan dun algo onde actuaren, dun obxecto directo, diría un lingüista, que é onde debe centrarse a anovación porque alí é onde se engade valor. Nada de adianto hai en sumar dous e dous utilizando Matlab ou en montar unha fastuosa campaña para dar a coñecer o pau da vasoira. Confésame un amigo informático a desazón docente e discente dos cursiños onde ao advertir, poñamos, dos matices sintácticos da función logaritmo en Excel, nota que antes debe explicar, mesmo a nativos dixitais, a noción de logaritmo e persuadir da súa utilidade, carencias de cobertura moito máis complexa e moito máis implicadas nos valores engadidos. 

Se os paladíns do dixital entenderan ben estas bases, igual daban tamén na conveniencia dun certo vixío da praxe profisional dixitosófica, coa teima do software que mantén o cliente a cada paso máis preso, vía rede, das ocorrencias do programador (da súa empresa), das novas versións que inviabilizan as rotinas creadas polos usuarios para complementar o programa suporte, das actualizacións subrepticias, incompatíbeis con vellas aplicacións e outras prácticas de parella ética. É, para que o entenda a dirixencia nacida analóxica, coma se o software do coche bloqueara o motor a non o levar nun prazo dado ao concesionario, onde dirían que compría cambiar o peche centralizado, na revisión seguinte a batería, de pouca vida co novo peche, logo os faros, que comen moito nesta batería, única xa no mercado para o modelo do coche, e así endiante. Porque o dixital, como todo valor, tamén atrae especuladores, tenta farsantes, propicia trileiros. E até facilita, sen tampouco ser un logro, o despido duns cantos miles de traballadores para que un banqueiro poida aumentar en vinte millóns de euros a súa prima de xubilación.

Comentarios