Opinión

Xogos

Era de esperar que estes xogos olímpicos, tras a pandemia, o impacto das condenas por abusos sexuais a menores durante décadas de Larry Nassar (médico da equipa ianqui de ximnasia), e todo o que o feminismo puxo de relevo en cores fluorescentes nos últimos anos, nos desen algunha alegría. Mais non, hai cousas que nunca cambian. 

E alí temos as xogadoras norueguesas de balonmán praia, condenadas a pagar multas ou irse da competición por usaren uns shorts iguais ca os da equipa masculina. Ou sexa, as norueguesas son castigadas por non amosar ben as cachas e o cu, que para iso son mulleres. Tamén en Noruega algo cheira a podre... 

O bo, o xesto simbólico da cantante Pink ao ofrecerse a pagar esas multas, a postura das ximnastas alemás de saír con cómodas mallas longas e a decisión exemplar de Simone Biles.

Mentres, a capitá da equipa de España, Ona Carbonell, viuse obrigada a facer un destete non desexado no aleitado do seu bebé, porque, a estas alturas, non se concibe que unha muller poida ser nai e atleta ou calquera outra cousa. O que dá a pauta de retrocesos absurdos. Hai 45 anos, un grupo de estudantes de Belas Artes, en plena ditadura arxentina, libramos esa batalla e a gañamos. Conseguimos ter connosco a nosxs fillxs e, por suposto, habilitouse un espazo onde aleitalxs.

Soubemos, ademais, que a atleta galesa Olivia Breen, campioa paralímpica de salto de lonxitude, foi criticada por levar unha parte de abaixo «demasiado curta». A imaxe dunha xogadora árabe agochada de pés a cabeza e dunha «occidental», amosándoo todo, son as dúas caras da mesma moeda patriarcal que non muda.

Comentarios