Opinión

Xestos

Sete mulleres asasinadas nos últimos días no Estado. Sete, unha delas embarazada, un neno de sete anos, a última, até o de agora, en cadeira de rodas.

Como se vos queda o corpo cando vos decatades de que somos totalmente impotentes? Que os minutos de silencio non serven para nada e para nada serven tampouco as promesas de moitxs políticxs.

Palabras baleiras. As bestas perden o control e matan. Matan porque poden, porque están lexitimados para facelo, porque a sociedade é patriarcal e uns taradxs dende as institucións referenciais do Estado berran que nin minutos de silencio. Que non hai mortas.

Dende a lei de integral de 2004 os cambios máis grandes radican en que agora sabemos cantas son, contabilizámolas. Do Pacto de Estado de 2017, polo que tanto se pelexou, só se realizan un 25% das medidas, e a violencia machista tamén se combate con fondos que permitan levar a cabo todas as accións. E segue a haber xuíces preguntando ás vítimas se se resistiron dabondo e xuízas que fan fincapé no pechado das pernas das mulleres aldraxadas. Porque cando unha muller denuncia en prime time vinte anos de maltrato e violencia vicaria, tanta xentiña só se interesa  polo que lle pagaron por relatar a súa vida.

Matan porque poden. O feminicidio é unha arma política e isto é unha guerra. Matan cando non poden disciplinar ás mulleres como corresponde, cando senten que perden o poder e o mando. Por iso, ao rematar o estado de alarma, se reactivaron os feminicidios; xa non podían controlalas as 24 horas do día.

A sociedade ten que mudar. Moito. E non xustificar o máis mínimo xesto de misoxinia.

Comentarios