Opinión

Xela

Toca facer balance deste (d)ano, dificilmente esquecíbel. Un ano distópico que arrasou con todas as nosas defensas e certezas. Un ano que analizaremos durante moito tempo.

E, tristemente, un ano que non rematará co brinde de Noitevella, por máis que se amoreen os desexos colectivos. En 2020 puxeron (eu que son así de conspiranoica, non podo evitalo) a proba a nosa resistencia, a nosa obediencia, a nosa capacidade de supervivencia, o noso humor, a nosa moral, e todos aqueles conceptos que pensamos pertencen á condición humana. Milleiros de perdas: irrecuperábeis, como a vida de 2.000.000 de persoas no mundo ("Cuentan los muérticos de los encuéntricos como frivólicos y bataclánicos", cantaba Violeta Parra cando criamos con paixón nas mudanzas), e outras que levará moito esforzo avaliar. Plandemia ou pandemia, morcego ou sopa de Wuhan, distopía ou oportunidade?

Levaranos anos e análise sabermos algo, do que nos deixen saber, de tanto horror. Mentres, as traxedias cotiás multiplicáronse: as mulleres convivindo cos seus verdugos (máis de 80 asasinatos segundo as cifras de feminicidio.net). Nos feminismos globais haivos montada unha boa, e todo o demais xa o sabedes. A sorpresa, o bo sabor de boca, foi a designación tan agardada e merecida para o Día das Letras Galegas: por fin Xela. E comezamos a festexalo, porque era de xustiza e porque precisabamos dunha razón para calmar a desesperanza. E foi, por fin, Xela Arias. A nena de Sarria que naceu poeta e vangardista, bebeu a vida a culleradas e deixou tanto para sentir e respirar que é imposíbel esquecela. Por un 2021 de fervenzas de Xela

Comentarios