Opinión

O voo das bolboretas

A violencia de xénero é a primeira causa de morte de mulleres no mundo. Milleiros  delas perden a vida por ser mulleres, cada día, en todos os recantos deste planeta malferido.

A violencia de xénero é a primeira causa de morte de mulleres no mundo. Milleiros  delas perden a vida por ser mulleres, cada día, en todos os recantos deste planeta malferido. Moitas son asasinadas, outras sofren as perdas dos seus fillos e fillas asasinados para castigalas, outras quedan con feridas físicas e emocionais difíciles de cicatrizar e fóra do ámbito doméstico lembramos as mulleres e nenas “tratadas” polas mafias, as  acosadas no traballo, as que son botíns nas innúmeras guerras, as que crenzas misóxinas converten en sombras envoltas en trapos negros, as que sacrifican a súa saúde para gustar mentres a xuventude llelo permite. O século XXI está moi lonxe da equidade, do respecto, da harmonía.

"A violencia de xénero é a primeira causa de morte de mulleres no mundo. Milleiros  delas perden a vida por ser mulleres, cada día, en todos os recantos deste planeta malferido".

Por esa razón (perdón pola autorreferencia), este ano, e para continuar cun traballo de décadas, botaremos a voar milleiros de bolboretas. O proxecto chámase “O voo das bolboretas” e tende pontes, xa que en Coronel Suárez e outras vilas da Provincia de Bos Aires as mulleres conseguiron ilusionar a moita xente para facer bolboretas. Bolboretas de papel de revistas, periódicos, de tea, pintadas, de distintos tamaños e formas e con mensaxes persoais, van encher de cor as cidades. Aquí faremos unha réplica (moitas asociacións están fabricando bolboretas) na Praza Maior de Lugo.

Todo xurdiu dun proxecto non efémero no que traballamos dende hai bastante tempo: unha escultura en granito moreno que representa tres bolboretas (As Mirabal), que quere gabar a forza do que se pensa vulnerábel, da resistencia deses lepidópteros que realizan unha das transformacións máis extraordinarias da natureza: de larvas a seres con ás. A firmeza e a tenacidade, a capacidade de saír do maltrato que lles sabemos ás mulleres. A forza da pedra, a capacidade de voar. Despois de moito traballo nesta obra (unha das poucas no mundo dedicada ao tema), xunto ao mestre canteiro Quijada, estamos agora mesmo loitando contra intolerancia e os atrancos “dos de sempre” (xa sabedes quen: os que liquidan a cultura do país, aqueles aos que as mulleres lles importan o mesmo que a cultura), que nos poñen trabas para a implantación da obra aducindo absurdos argumentos burocráticos. Queren eliminar a foto dese día, romper o esforzo de tantas vontades cun obxectivo máis importante ca nós: tapar a historia como tapan os asasinatos de mulleres e recortan axudas que frearían os crimes ou protexerían as vítimas. Volvo a desculparme por falar do meu traballo, mais non é o meu traballo: é o traballo de milleiros de persoas que cren no imprescindíbel da igualdade, en que os feminicidios serán desterrados da terra para que as bolboretas voen en liberdade.

O artigo de Luz Darriba foi publicado no número 123 do Semanario Sermos Galiza

Comentarios