Opinión

Violencia institucional, violencia simbólica

Os feminicidios semellan medrar nos últimos tempos. Coma se dunha praga bíblica se tratase, o patriarcado púxose tacitamente de acordo para asasinarnos de mil maneiras. E do mesmo xeito medran, por sorte, as loitas das mulleres para deter esta barbarie. 

Estariamos en condicións de afirmar que os feminicidios non só agroman senón que as formas de asañamento son cada día máis bestiais? Seica non houbo feminicidios dende o comezo dos tempos? Seica na maioría das sociedades, en todas e mesmo as máis evolucionadas, as mulleres non seguen a ser vítimas de crimes violentos pola súa condición de mulleres? Seica non houbo sempre machos que resolven as relacións afectivas eliminando as súas donas? Sempre, e aínda peor visibilizados. Catalogábanse coma crimes paixonais asociados ás condicións precarias de vida, á influencia do alcohol, ás drogas… Anos de loita para desbotar etiquetas e aínda hoxe, tras décadas de teimosía das organizacións de mulleres, continúase mal etiquetando o feminicidio. As mulleres non son asasinadas: simplemente morren. Se un home asasina a súa muller e logo se mata a noticia aparece deste xeito: unha parella morre en estrañas circunstancias. Os medios seguen sen comprender o fenómeno dos malos tratos, que tantas veces explicamos. Prefiren levalo ao terreo do individual, furgar no lixo, dar foco ás declaracións da veciñanza onde se di que o home era tan boa persoa.

Estariamos en condicións de afirmar que os feminicidios non só agroman senón que as formas de asañamento son cada día máis bestiais?

Unha fronte aberta. É dunha irresponsabilidade total que moitos medios titulen sen ter en conta a figura do feminicidio e o que implica, mais gustaríame abordar o tema da responsabilidade institucional nesta onda crecente de crimes que semella non ter fin: dos feminicidios e a ligazón co austericidio. Non hai máis que botar un ollo ás cifras para comprobalo. Pero, a que é debido? Tentaremos dar unhas pinceladas. Parece lóxico que eses fillos sans do patriarcado que nos viven dando desgustos ían continuar facéndoo con ou sen recortes. Porque o considerar o feminicidio cuestión de estado está lonxe e a educación pola que loitamos como antídoto maior tamén está lonxe. E poñendo o foco nas vítimas, atopámonos con que son moito máis vulnerábeis, a forza de que os fondos destinados a combater os malos tratos minguaron 26%, as partidas para campañas de prevención diminuíron 70%, perdéronse axudas, recortáronse orzamentos destinados ás unidades policiais contra a violencia de xénero.

Os fondos destinados a combater os malos tratos minguaron 26%, as partidas para campañas de prevención diminuíron 70%

A crise, a estafa que implica, invisibiliza aínda máis a violencia. Mulleres sen traballo, sen recursos propios ou fornecidos por un estado protector, sufrindo recortes nos subsidios por desemprego (desemprego maioritariamente feminino), están indefensas, expostas. O paso que hai que dar é moito máis longo. O efecto denuncia-panacea queda dinamitado cando se comproba, unha e outra vez, que é falso, que denunciar non protexe totalmente as vítimas. Se non hai medios ou os medios non son operativos porque se recortan os presupostos, a denuncia faise feble. Por outra banda, as campañas, ás que se recortou orzamento por consideralas “ineficaces”, son ineficaces en canto á  súa concepción; non é imaxinábel que dean resultado slogans que culpen as vítimas (non saltes os sinais -coma se fose unha elección-, se a maltratas a ela maltrátasme a min; quen deseña estas campañas? A sociedade e as súas institucións, xunto ao asasino (fillo dilecto desa sociedade, imbuído das regras da masculinidade hexemónica), maltrátannos física, psicolóxica, sexual, economicamente. Se unha muller é asasinada despois de denunciar vinte veces, se outra é rematada polo feminicida no propio hospital onde a levou a súa malleira, se unha muller acode a un servizo público de atención e non son quen de axudala e esa mesma tarde é asasinada, atopades argumentos que exculpen o sistema desta violencia? Ao sistema que amasa chulos posesivos e pon todos os medios para empuxar as mulleres á submisión até que a morte –dela- fenda en mil anacos a fantasía do amor romántico. 

Comentarios