Opinión

Vaidade

A túa aparición nunha revista onde habitualmente non estarías marca o punto de partida para que o persoal, a destra e sinistra, amigas e inimigas, poñámoslle, falen dos teus reloxos e zapatos coma se os mercasen cos seus cartos. Unha revista intranscendente, si. Non todo na vida vai ser fondo e sisudo. Non todo é asaltar o Pazo de Inverno.

A historia, a narrativa posterior ao feito en cuestión, é que a saber en nome de que proletarias aldraxadas te fenden en rebandas. Sen máis.

Porque para as mulleres todo vale, mesmo o absurdo despregamento das nosas propias guerras, ou sexa a extensión das arremetidas patriarcais por outras corredoiras. 

Gustaríame saber, a min que canto máis vella máis vermella (igual que Caetano Veloso), en que manual figura que repartir xustiza e equidade significa empobrecérmonos máis aínda. Xuro que son lectora contumaz e nunca o vin.

Porque é máis doado que a sociedade «progre» venere un señoro expresidente dun pequeno país que anda en chancletas, vive nunha chabola e elimina os seus piollos coas mans.

Mais iso non é ser de esquerdas. Sobre todo cando renunciaches a defender os dereitos humanos, a xulgar aos xenocidas que desapareceron a centos de compañeirxs e xs botaron vivxs ao mar. Sobre todo, se es un machirulo declarado e con patente.

Prefiro o Swatch de 100 € e a mente clara.

Non concibo a esquerda coma a apoloxía da miseria, senón coma un reparto xusto das riquezas: para todxs ou para ninguén. E impórtame un pemento a revista na que saias. Se rexeitas a prostitución e os ventres de alugueiro na Feira das Vaidades: Eu apóiote, irmá.

Comentarios