Opinión

Universidade

Nestes tempos, individuos “particulares”, diversxs mais de tronco común, aparecen á fronte de institucións públicas, grazas ao voto popular, e alí vai o paradoxo. Non vou nomealos, xa xs coñecedes. Mais cando as súas accións destrúen dereitos, vén sendo a diario, e importante quedarnos co seu careto e reflexionarmos.

Un deles, á fronte do concello de Ourense, semella ter vocación de rematar con todo o que ula a cultura. A lista de perdas culturais promovidas por este señor é longa: Festival de Música en Clave Cámara;

Festival Internacional de Teatro de Ourense; Mostra de Teatro Infantil; Xornadas de Banda Deseñada; Mostra Internacional de Teatro Universitario; Outono Fotográfico; Banda de Música Municipal; Corpo á Terra Festival de Danza. E non é todo, outras importantes actividades ou institucións culturais, como a Sala Ánxel Valente ou o Museo Municipal, deixaron de funcionar ou pasaron a depender da Deputación. E vai pola OPU.

Este homiño, posto polas circunstancias distópicas actuais coma rexedor, ten auténtica fobia a calquera manifestación cultural que tacha de cultureta e supremacista.

É imposíbel ignorar a orixe e a importancia das universidades populares: cultura e educación para as clases traballadoras, expansión democrática do coñecemento.

Di Olga Pastor Alvarado, profesora de Arte Actual na UPO, membra da plataforma que a defende, “a universidade só parou en guerras ou en ditaduras”, agora van 25 anos seguidos e as probas, que se poden contrastar, falan da idoneidade do profesorado e da necesidade desta institución que o pobo de Ourense está decidido a defender

Comentarios