Opinión

Trata

O xornal El Comercio, do Perú, devólvenos a unha realidade que medra. Mudan os métodos, caen redes, mais a explotación noxenta de mulleres e nenas non reve. Estou falando da trata, un negocio rendíbel que despreza as vidas humanas.

A nova refírese a unha rapaza de 15 anos secuestrada en Lima, Perú. A moza fora introducida a punta de pistola nunha furgoneta por un individuo que levaba unha carapucha negra. Ao chegar a destino, a porqueira que vos estades a imaxinar, foi violada en múltiples ocasións. Logo comprobou que non estaba soa: moitas rapazas amoreábanse naquel cortello. Soubo que tiña que fuxir de alí. Aos 15 días de torturas diversas, conseguiu chimparse dende unha xanela e chamar a súa familia. Puido contalo. Mais en milleiros de buratos do mundo atópanse rapazas que desaparecen un día para que lles rouben a vida. 

Dicía eu que as mafias mudaron as tácticas. Moitas veces, sobre todo no leste de Europa, dinlles ás rapazas que veñen a prostituírse e ao chegar a destino infórmanas de que contraeron unha débeda cos proxenetas que lles vai levar anos pagar. Nese camiño destrúense milleiros de vidas. 

Non se fai o suficiente para deter esta «peste». Moitas vontades son mercadas para mover polo planeta vidas humanas que ninguén protexe. 

Hai xa 20 anos, miña amiga María Xosé Porteiro escribiu unha novela, coido que fundacional. Case ninguén falaba entón da trata e do tráfico de mulleres. Ela desenvolve en Covardes un thriller psicolóxico, unha fermosa e triste novela negra, que convén ler ou reler. Por estar chea de verdades, horrores, que é necesario denunciar.

Comentarios