Opinión

Torturadores

Sempre me chamou a atención a xente que pode inflixir danos atroces a outra xente. E nisto, coma en todo, hai categorías. Porén, ese aspecto da condición humana, pertúrbame. Unha vez escoitei ―tapei os ollos, non quixen velo― un documental sobre a represión en Chile. A miña mente quedou fixada na parte que lle preguntaban a un torturador (pobre milico raso, carne de canón ao servizo dos poderosos) especializado en rapazas novas e mesmo embarazadas, por que o facía. Nin o pensou: para non estar eu no lugar delas, dixo.

A historia está sobrada de exemplos nos que a palabra humanidade queda reducida a cinzas. Non fai falla máis que ver o que o poder israelí (co que sufriron coma pobo) lles fai aos e ás palestinas (estiven alí, non mo contaron), os marroquís aos saharauís, os turcos aos kurdos, as e os supremacistas aos negros, os terroristas machistas ás mulleres e unha ringleira interminábel de horrores que por se repetir acaban normalizándose.

Véñenme á mente as «mamis», as «madamas», mulleres que foron prostituídas, que viviron nas súas carnes esa escravitude, e que agora captan outras mulleres para que pasen polo mesmo. Vénme a mente o papel xogado por outra muller, Ghislaine Maxwell, filla da alta aristocracia británica, con todo ao seu dispor, que dedicou boa parte da súa vida a satisfacer os desexos do patético e execrábel Jeffrey Epstein, un dos maiores depredadores sexuais da historia da jet set de Gringolandia. Acaban de arrestala. Pregúntome que sentirá respecto do que fixo. Se lle farían algunha vez cousa semellante. Por buscar explicacións, mais non penso que as haxa.

Comentarios