Opinión

Por todas as Lauras que precisamos no país, no mundo, na vida

Hai uns días rematou o proceso xudicial contra Laura Bugalho en Santiago de Compostela, e amosamos satisfacción porque, para ela, ten fin este calvario. Mais non se pode dicir que se teña feito xustiza porque xustiza non é ter que  soportar seis anos coa espada de Damocles sobre a cabeza o que outros decidan, daquela maneira, sobre a túa vida.
  
Todo o mundo sabe quen é Laura Bugalho, e se non o sabe debería sabelo porque unha campaña popular de apoio á súa causa co lema Moitas Lauras Precisa este País puxo de relevo, nesta era corrompida que vivimos, a necesidade imperiosa que temos de que persoas valentes e honradas miren pola cidadanía que cada vez máis afonda na súa perda de dereitos e do seu poder de decisión. 

Laura Bugalho leva anos loitando a favor dos dereitos das humanas e dos humanos, axudando todo o que pode contribuír a equilibrar algo esa balanza que sempre se inclina ben sabemos para que lado. Eu oín falar do seu traballo na área de migracións da Confederación Intersindical Galega (CIG) hai ben anos. E as historias que escoitei da boca de ducias de persoas migrantes da América Latina, daban conta dun traballo feito con empatía e solidariedade para con toda esa xente. Dunha conciencia de que pertencemos a un país que se viu obrigado a emigrar de xeito masivo, pola fame, pola inxustiza, pola represión. Que seguimos a estar obrigados, obrigadas, a buscar o sustento noutras terras, noutros países, falando outras linguas, e sufrindo, moitas veces, as mesmas discriminacións das que son obxecto aquí centos de persoas que se viron tamén na obriga de deixar o seu burato no mundo para mellorar a vida.

Despois, tamén durante o percorrer destes últimos anos, vin a Laura á cabeza de moitas reivindicacións, de moitas causa xustas, de todas elas, para ser máis exacta.

Laura foi denunciada por denunciar ela até dezanove tramas de corrupción

Laura foi denunciada, e xa vai sendo hora de que alguén meta mao nestes depósitos subsidiarios do poder que contan con esbirros en todos os ámbitos da sociedade, por denunciar ela até dezanove tramas de corrupción, de diferentes tipos de corrupción que tiñan o foco e a fonte de abastecemento económico nas persoas migrantes. Que medraban a custo das desgrazas alleas.

A operación que a policía chamou Peregrino e que Laura destapou, puxo ao descuberto o cobro desvergonzado de sumas importantes (dende 2.000 a 10.000 euros) de diñeiro, a persoas que viñan de Marrocos coa intención de traballar na Galiza. Unha trama con moitos implicados, algún deles tan poderoso como para devolver a xogada e ter a Laura Bugalho contra as cordas todo este tempo. Persoas ás que a xustiza probou a comisión deses delitos, mais están sobreseídas mentres que Laura aínda agardaba pola resolución do seu xuízo. Todos estes nomes son públicos e os podedes atopar sen dificultade na rede, en ducias de entrevistas que, medios alternativos como Diagonal, sobre todo, fixeron a Laura durante estes anos.

A ela, pola contra, para facela calar, que é un xeito moi claro de tentar facermos calar ás e aos demais, acusárana de falsificar documentos que posibilitaban certos aspectos da vida a moitas desas persoas que chegaban para traballar e que non atopaban máis que dificultades e obstrucións administrativas. Xente empadroada nunha mesma vivenda, certificados para poder acceder aos servizos de saúde, cousas todas que ela non nega e que as persoas honradas vemos como un acto de xustiza compensatoria. Por isto, que poderían ser faltas administrativas, pedíronlle até seis anos de cárcere no seu momento e tivérona outros seis á espera do xuízo, pola contra,  os culpábeis de cobrar cantidades inxentes de cartos a persoas migrantes para ter dereito a un traballo digno –que nunca tiveron, porque os traballos aos que accedían eran malos e mal pagados- foron todos absoltos no nome da famosa lei do embude ou do funil, como queiramos chamarlle, tan estendida polos camiños de deus e do diaño.

Por iso non creo que se teña feito xustiza, máis ben un acto de reparación. Co ditame xudicial de propoñer a Laura once meses de cárcere e unha multa de 750 euros para rematar, agardemos, esta historia que nunca debera que ter comezado (e da que non me cabe dúbida de que a presión social nas redes e na rúa axudou á obtención do fallo), ponse un parche nun sistema que é evidente que non funciona, ou que, en realidade, funciona para quen habita na parte gorda do embude. 

Laura, feminista, sindicalista, militante LGTB, é unha valente e unha campioa en toda regra. Púxose á fronte das loitas polos cambios que a sociedade precisa, e á fronte dos seus propios cambios como individua na procura da súa identidade. Pagou un alto prezo, porque a sociedade na que vivimos, descarnada, sen valores, estúpida e  frívola, non premia nin a honestidade nin a coherencia. Mais moitas persoas, por sorte, queremos ser como Laura, queremos moitas e moitas Lauras neste país, en todos os países, e por iso, cando tocan a alguén coma ela tócannos a todas, e saltamos polo aire para defendela. 


 

Comentarios