Opinión

Tetas

Penso que con este titular teño garantida, cando menos, a curiosidade de moitos. É que as tetas atraen. É innegábel. As tetas atraen aínda que a súa propietaria, nada menos que Emilia Pardo Bazán, leve un século alén do mundo dos vivos.

Así debeuno pensar un libreiro da Cuesta de Moyano, nos Madriles máis Madriles, cando falou das cartas dun anticuario do que non quixo dar o nome (profuso epistolario que, de existir, tería que ser propiedade pública), nas que Pérez Galdós testemuñaba a súa paixón polas tetas de Pardo Bazán. Peitos, o libreiro contou que don Benito escribiu peitos. Mais onde estean unhas boas tetas, quen quere falar de peitos?

A eses peitos, e non á intelixencia dos amantes, recorreu unha chea de xornalistas debuxando no ar supostos sobre supostos. Porque iso vende. O que escandaliza (no século XXI!!) vende. Nesta sociedade de plástico e reality shows barateiros, unhas tetas tiran máis que dúas carretas.
Se a escritora e o escritor foron libres e felices, alégrome por eles. Porén, penso na banalidade de case todo o que nos rodea: quen afirma sen probas o absurdo máis gordo, gaña.

Teño para min que agora que, por fin, o Pazo de Meirás foi recuperado (a medias, aínda non é noso), non valen escusas nin falsos feministos clamando pola difusión da vida e obra de dona Emilia. A escritora, a pensadora, a muller con todas as súas contradicións e aportes, ten o seu sitio na Coruña, na que fora a súa casa. E nós, o pobo, merecemos un lugar de memoria. Un espazo que lembre ás futuras xeracións os horrores do franquismo, para que ninguén soñe con fusilar á metade de España.

Comentarios