Opinión

Tecendo redes

Cando as mulleres tecen, tecemos, imos creando algo máis que cousas, obxectos, prendas de roupa, mantas ou redes de pesca. As mulleres tecemos soños indestrutíbeis coma arañeiras e redes xigantes cando facemos o tecido xuntas, potenciando o valor de cada punto até facelo universal, cósmico. 

Cóntovos isto porque sempre estamos, estou, a falar das desgrazas e desafíos que implica nacer muller. Asasinatos, violacións, acosos, tráfico, prostitución, asoballamento de dereitos … Todo iso é, desgrazadamente, certo. Pero tamén é certo que as mulleres somos construtoras por natureza e non só de vida, que é o obvio e tamén voluntario: as mulleres construímos redes que constrúen redes, que enredan a medio mundo para sacar da galera a maxia, con case ren, de facer voar pombiñas brancas e botar coellos, tamén brancos, a chimpar polo sendeiro de azulexos amarelos do Mago de Oz da vida.

As mulleres somos construtoras por natureza e non só de vida, que é o obvio e tamén voluntario: as mulleres construímos redes que constrúen redes

Hoxe imos falar desta construción en rede, do traballo dun grupo de mulleres (e homes) que dende unha cidade como Lugo chama a atención do mundo pola súa constancia e bo facer. Un proxecto que leva tempo sendo unha realidade palpábel e que constrúe, día a día, un concepto que sería bo interiorizarmos: museoloxía social. A importancia dun museo non reside nin nas súas coleccións, por marabillosas que sexan, nin no edificio que as conteña así fose a magna obra dun arquitecto estrela: a importancia dun museo reside nas persoas. As persoas que co seu traballo diario fan o milagre de plantalo na sociedade á que pertence, na xente desa sociedade que fai parte do museo porque está vivo, porque non é un depósito de reliquias, porque é de todas e todos, porque teñen cabida nel e porque son escoitadas e escoitados. Estou a falar dunha rede que medra coa participación de dentro e de fóra (aquí non hai dentro nin fóra, é todo un conxunto que puxa cara adiante), que se nutre da sociedade na que vive e que acada, non só un prestixio estatal ou internacional senón un certificado de calidade gañado a forza de confianza na xente, no alcance e no deber do público, noutra forma de xestionar o mundo que tamén é posíbel.

Hoxe imos falar desta construción en rede, do traballo dun grupo de mulleres (e homes) que dende unha cidade como Lugo chama a atención do mundo pola súa constancia e bo facer

A rede Museística formada polo Museo Provincial, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Museo de San Paio de Narla (Ángeles Miguélez, Amelia Pernas, Francisca Abuín, Ana Ferro, Silvia Fiallega, Noelia Rodríguez, Carmiña Prado e as 23 argalleiras de honra de Lugo), conforman hoxe un entretecido do que temos que sentir orgullo non só a xente de Lugo. E para quen non o saiba vouvos amosar unhas pequenas pinceladas deste traballo. O primeiro, e o motivo polo que escribo, é que a Rede Museística de Lugo fala, actúa e pensa en clave de xénero. As artistas, as curadoras, as teóricas, as xestoras culturais, atopamos un campo fértil no que desenvolver proxectos, mesmo se os fondos cos que se conte sexan os que son en xeral para a cultura. Alí se atopa a maneira de levar adiante as ideas, os soños, as propostas as máis das veces moi innovadoras das mulleres. Pero ademais, toda a sociedade atopa un sitio onde non é estranxeira, unha casa de portas ben abertas. 

Non estou moi certa de que este traballo teña entre nós todo o recoñecemento que merece, se cadra por descoñecemento, se cadra polo efecto veciñanza, pero eu, que considero que as mulleres temos a obriga de visibilizármonos, non podo deixar de contarvos que este concepto de facer cultura dende o público ten unha innumerábel cantidade de premios, recoñecementos, convites a participar de congresos en todo o estado e fóra destas fronteiras.

A Rede Museística de Lugo fala, actúa e pensa en clave de xénero

Por boas prácticas, por exemplaridade, por viabilidade, por visión de xénero, por potenciar o traballo das persoas que fan da cultura a súa vida. Eu lembro moi ben que até non hai tanto tempo o Museo de Lugo cheiraba a defuntos. Non era máis que un edificio con gran material de patrimonio, no que as persoas quedaban rigorosamente fóra. Fun unha das primeiras artistas mulleres en expoñer alí, cando o museo, e non é ningún segredo, reviviu grazas ao traballo incansábel da xerente Encarna Lago e todo o seu equipo de boas e bos, xenerosos e xenerosas. 

Hoxe chaman a esta muller dende todo o estado para que expoña o milagre acadado nunha cidade pequena, con museos pequenos e recursos aínda máis pequenos. Da Consellaría de Cultura de Andalucía, do Goberno de Cataluña, da Comisión Europea, de organismos internacionais, queren coñecer de primeira man como se fai para transformar o inanimado, en vida e crecemento continuo. O segredo é ben sinxelo: traballar por e para a xente, coa xente, escoitando, propoñendo, tecendo redes e máis redes, que levan en cada punto os desexos, os soños, as esperanzas e a conciencia de que a realidade pode ser transformada sempre que antepoñamos o colectivo ao persoal, o público ao privado, a acción á inacción, a vida á morte.

Hoxe chaman a esta muller dende todo o estado para que expoña o milagre acadado nunha cidade pequena, con museos pequenos e recursos aínda máis pequenos

Se non coñecedes este traballo convídovos a que vos acheguedes, a que participedes das múltiples actividades, a que propoñades proxectos, a que sumedes soños, a que sigades, a que sigamos, tecendo en rede. 

Comentarios