Opinión

Sufraxistas, non só unha película

Estamos asistindo á estrea internacional dun filme que hai tempo nos debían ás mulleres.

Estamos asistindo á estrea internacional dun filme que hai tempo nos debían ás mulleres. Un filme que conta unha pequena historia dentro da grande historia da loita das mulleres, neste caso das británicas, polo dereito ao voto. Non vou facer unha crítica cinematográfica porque non estou cualificada para iso que deixo ás e aos que teñen este cometido. Eu só lles quero recomendar sobre todo ás novas xeracións, rapazas e rapaces, mozas e mozos, que vexan este filme. Encarecidamente.

Por que? Pois porque entre unha morea de argumentos que tratarei de expoñer sintetizados, vén a recordarmos que aínda hoxe -2015, case 2016- hai países do planeta nos que as mulleres non teñen ningún dereito, e entre eses non dereitos non teñen dereito ao voto. Hai un telediario que se conseguiu en Arabia Saudi. 

"Aínda hoxe -2015 case 2016- hai países do planeta nos que as mulleres non teñen ningún dereito"

Sufraxistas está dirixida por unha muller, Sarah Gavron. A guionista é unha prestixiosa dramaturga británica, Abi Morgan, e as produtoras tamén son mulleres: Alison Owen e Faye Ward. Evidentemente, os papeis transcendentes están reservados ás mulleres (a incríbel Carey Mulligan, Helena Bonham Carter e Meryl Streep, entre un grupo maxistral de actrices) porque esta foi e segue a ser unha loita da metade –e máis- do planeta por acadar os seus dereitos.

Esta película recorda, entre outras cousas, a vergonza do sistema patriarcal     -que segue dirixindo o mundo- que fixo que máis de seis xeracións de mulleres tiveran que loitar por seren consideradas cidadás, cousa que quedara estabelecida cando rodou a cabeza de Olympe de Gouges que non o eramos. Relata un episodio desa loita -que non foi tan pacífica e si organizada e clandestina en parte, porque doutro xeito a invisibilidade tería sido absoluta-, que ocorre cando as obreiras, as últimas parias, comezan a facer de seu os ideais do feminismo. No comezo, as loitadoras polo voto feminino pertencían ás clases medias -como en toda loita-, pero logo, ao unirse as obreiras, ao quedar claro que o feminismo é transversal e que o patriarcado, base do capitalismo, é o noso único inimigo, o movemento adquire o status de universalidade e pluralidade que hoxe ten.

"As loitadoras polo voto feminino pertencían ás clases medias -como en toda loita-, pero logo, ao unirse as obreiras o movemento adquire o status de universalidade e pluralidade"

Convídovos a ver esta película porque fala honestamente de nosoutras, da nosa liñaxe, dunha parte do que se fixo e do moito que queda aínda por facer. 
O filme pon de relevo a explotación laboral, a explotación económica (dáse o caso dunha sufraxista de boa posición que non pode dispoñer dos seus cartos porque é o seu home quen os administra), o acoso sexual (a brutalidade dos capataces que ninguén cuestionaba coas mociñas, na lavandería por exemplo), o mal trato, o poder absoluto do home sobre a muller e as e os fillos, o tratamento dos medios de comunicación no tocante a estas loitas de mulleres, e podería seguir... Alguén cre que o conto de verdade mudou tanto?

Mudou porque pelexamos sen tregua, porque non descansamos, porque alertamos ás fillas e ás netas de que teñen que continuar loitando. Mudou moito nas formas, pero os contidos están aínda alí para recordarmos que non podemos, nin debemos, baixar nunca a garda.

Comentarios