Opinión

Soas

Pensaba escribir sobre os 5 minutos de aplausos a un acosador denunciado por máis de 20 mulleres. Din que canta ópera. Por min como se é  A pantasma da Ópera. As e os que deixaron as mans magoadas por alimentar o ego deste individuo non merecen nin o recordo.

Por mor deles e delas, por mor da misoxinia desta sociedade noxenta, por mor dos homes que calan porque non pensan que vaia con eles, por mor das mulleres que defenden os postulados da ultradereita, por mor dxs indiferentes, por mor da neglixencia en moitos casos das institucións, o pasado xoves tivemos que escoitar a peor das noticias: apareceu o cadáver de Olivia. E non sei que pasará antes de que saia esta columna dentro de dous días.

Agora, cando estou escribindo, teño unha dor insoportábel no peito, unha sensación de rabia e impotencia que non acouga. Non podo nin imaxinar como estará esa pobre muller, a nai das nenas. O individuo que as levou -non vou chamarlle pai- xuroulle que non as volvería ver. E os servizos de busca foron completamente inútiles, como todo o demais.

Olivia e Anna levaban máis dun mes “desaparecidas”, algo absolutamente inaceptábel.

Quen mira polas nosas crianzas? Quen mira polas mulleres?

Isto é insoportábel. Isto é unha guerra contra nosoutras. Isto ocorre porque é permitido, porque a condena social é tibia e inconsistente, porque os deixamos facer. Porque unha e outra vez saen coa súa. Porque son premiados as máis das veces. Porque se permitiu que os cavernícolas chegasen ás institucións. Porque o pacto de Estado contra a violencia de xénero vale menos ca un papel mollado. E seguimos soas.

Comentarios