Opinión

Relato

No momento de escribir estas palabras o ceo, dun día que foi soleado, comeza a tomar as cores lilas da noitiña. Dende a miña casa chego a ver un cachiño de nubes e un lousado polo que escorregan as pombas en busca de comida e os gatos a perseguilas. É toda a miña visión do mundo. A fiestra dende a que entra o rebumbio dos aplausos ás oito da tarde e o son desa canción de resistencia, que eu xa estou comezando a odiar con toda a miña forza; hoxe por hoxe non moita. A non visión, que agradezo, dun mundo que se parece pouco ao que coñeciamos. Ao que estabamos acostumadxs. Coas súas luces e sombras, os seus xiros, e súas voltas de montaña rusa magoando sempre máis a quen non encaixase no molde. Xente perdida e chea de lastres: pedras na mochila coma Sísifo.

Cantos cambios máis vai resistir o sector máis vulnerábel do planeta. Cantos novos axustes e novas enfermidades sobre o seu lombo. Cal vai ser a relación entre o capital e o traballo cando isto acabe, con moitxs más pobres e empobrecidxs. E non se trata de coñecer ou non o comportamento do virus que, ao parecer, está ensinándonos cousas novas cada día, que logo revoga ao día seguinte. Trátase de coñecermos a capacidade de reacción dos mercados, as primas de risco, o prezo do cru (tantxs iraquís asasinadxs por algo que neste momento non vale ren), a incidencia das bitcoins ou se finalmente a Europa rica aceptará prestarlle cartos á Europa pobre. Trátase de saber se como traballadoras da cultura imos ter algún futuro, cando aínda non remontamos as perdas da crise de 2008. Trátase de adiviñar quen fará o novo relato.

Comentarios