Opinión

Racismo

Darnella Frazier e o seu teléfono móbil pode que cambiasen o rumbo da historia. Dunha historia que se vén repetindo até a saciedade máis noxenta. A do asasinato impune de milleiros de negros (non son afro descendentes, son descendentes dos negros escravizados para lucro de moitas das grandes fortunas que coñecemos) dende o principio dos tempos, dende que tiveron a desgraza de que os metesen nun barco e xs transportasen ao “novo mundo”. 

Darnella Frazier e o seu teléfono móbil aportaron a proba inobxectábel de que cando George Floyd pregaba pola súa vida que se escapaba, cando dicía cun fío de voz que non podía respirar, era verdade. Tan verdade como que a evidencia non puido, coma tantas veces, ser ignorada. Nas rúas a xente agardaba coa paciencia que a levou a tolerar tantas infamias seculares, e coa rebeldía que lles saía polos poros para berrar, aínda máis, que as vidas negras son importantes. 

No país do Ku Klux Klan, dos linchamentos, das execucións, dos aforcamentos, da escravitude, da discriminación racista, por primeira vez un energúmeno asasino vai ir ao cárcere.

É un comezo. É necesario realizar unha limpeza profunda das forzas represivas do Estado (coma en todas partes), porque, onte mesmo, outro energúmeno armado, asasinou de dous tiros a Ma'Khia Bryant, unha rapaza de 16 anos que, ao parecer, estaba pelexando con outra muller. Semella que non é posíbel que entre na cabeza deses seres que hai outras maneiras de inmobilizar a alguén, se for preciso. Hoxe, outra familia negra, en Columbus, Ohio, está a chorar unha perda irreparábel. O racismo mata. Lembrádeo!

Comentarios