Opinión

Quimera

Chamou a unha das súas torres Quimera. Cales serían as súas quimeras? Dª. Emilia, tan contraditoria coma para ser feminista e non cuestionarse a súa pertenza a unha clase privilexiada dende o berce. Ela era así, ámala ou detestala, les con curiosidade ou devoción o que deixou en negro sobre branco xa amarelo, negas as súas achegas á literatura e a valoración das mulleres dentro dela ―e moitas cousas que non caberían nestes cativos caracteres― ou acéptala.

Dígoo dende unha admiración tamén contraditoria. Dª. Emilia era unha forza da natureza que rompeu moitas das ataduras que liaban ás femias da súa época. Talvez porque podía. Mais tamén porque era o seu desexo. E eu sinto hoxe que ese legado é digno de rescatarse. Como o de concederse o dereito de amar a quen lle dese a gana, cousa que, ao parecer, fixo sen ningún tipo de barreiras.

Verdadeira mágoa que non chegase completa a inxente correspondencia que mantivo con amizades e amores. Como as cartas de volta de don Benito (Pérez Galdós), ao que aniñou en epístolas con alcumes agarimosos e pasionais durante tres décadas. Ela tan católica, el tan anticlerical. O amor e a súas contradicións. Deume por pensar que, malia as dela, non lle gustaría nada a profanación do seu espazo por parte do ditador e familia durante oitenta anos.

Cando fixo construír unha vivenda tan anacrónica e clasista como o Pazo de Meirás, estaba deixando algunhas chaves de por onde ían as súas quimeras. Ou non. O que sabemos foi que despois do 36 veu o peor do peor. Agora, outra muller, xuíza, fixo historia. Toca loitar para que a xustiza sexa completa.

Comentarios