Opinión

Puñaladas

Que monstro apuñala a súa muller discapacitada, incapaz de protexerse, no intre de maior indefensión? Unha muller torturada durante anos polo seu asasino, que tragou esa dor, esa rabia, porque só vivía para o seu fillo con síndrome de Down, agora moito máis vulnerábel. Que clase de monstro, preguntábame. Pois nin máis nin menos ca un fillo san dun sistema enfermo: o patriarcado. Un home cuxo único obxectivo na vida é facer dano á muller coa que vive, destruíla, aniquilala. 

Din que a dona vítima de feminicidio de Gondomar deixara unha carta. Un testemuño que falaba do seu padecemento, das outras veces que o monstro intentara matala e ela calou, disimulou polo seu fillo de dezanove, que reacciona coma un rapaz de nove anos. Unha vida enteira sufrindo e poñendo boa cara, sorrisos e palabras amábeis para que ninguén sospeitase o que ocorría detrás das bambolinas. Unha dor xorda que aturou, seguramente, convencida de que era o único que podía facer para que ese fillo non sufrise, ou sufrise o menos posíbel. Aguantou, mais quixo que soubésemos, que aquilatásemos o prezo da súa entrega, que castigásemos, debidamente, a quen foi o seu asasino. 

Pensaba que só era cuestión de tempo, que algún dos intentos non sería errado, porque sempre soubo que aquel home co que casara a mataría. A violencia machista mata. É un feito que berra por máis que o queiran acalar, por máis inútiles minutos de silencio que se fagan para calmar as conciencias. Mais o machismo tamén lacera as vidas, estrágaas. E non só as das propias vítimas, é todo un grupo humano vicario que a padece. Puñaladas para todxs.

Comentarios