Opinión

Prostíbulos

Ao Ministerio de Sanidade, logo da orde de peche dos locais de lecer nocturno, ocorréselle agora, é un dicir, cuestionar os clubs de alterne. Resulta, tamén, que ninguén, ao parecer, pensara que se podían considerar espazos de ocio nocturno. É obvio que son templos de meditación e reflexión.

E tampouco ninguén considerara que constitúen posíbeis multifocos de contaxio. Os puteiros, proxenetas e prostituidores non minguan nin coa pandemia, é un feito. E logo volven ás súas vidas normais, tamén é un dicir, e levan e traen a enfermidade, mentres que, neses antros noxentos, son as mulleres as que están desvalidas e sen protección de ningún tipo.

Porque, de pechar, habería que pechalos de vez e para sempre xamais, sen ningunha dúbida, mais que medios de subsistencia se lles proporcionaría ás mulleres prostituídas. Temos un Estado responsábel que lles axude a resistir até atopar un traballo? Unha renda básica universal, que se parece cada vez máis a unha lenda urbana. Hai medios para formación e inclusión na axenda social coa prioridade e atención que precisan? Existe esa disposición, polo menos? Ou todo vai reducirse ás discusións bizantinas entre as posturas feministas sobre abolición si, abolición non? Eu non dubido que abolición si, mais hai que pensar como.

E insisto, pechalos, dende logo. Xa e até nunca, mais haberá que sentar o cu nesas lindas cadeiras que han ter nos ministerios e pensar, dende o poder, como resolver sen escusas o tema do sistema prostituínte que, tal e como está, significa o que sabemos que significa: a escravitude máis denigrante para as mulleres.

Comentarios