Opinión

Princesas

Neste mundo non se salvan nin as princesas. Non, non vou falar da princesa que todxs coñecemos, á que non lle atopan no Estado español un colexio que mereza tela coma alumna. Non, desta princesa e da súa familia non se pode falar, se non que lle pregunten a Pablo Hasél, por poñer só un exemplo. Ademais, a min gústame pouco viaxar ao medievo.

A princesa da que vou falar ten menos sorte que a princesiña de Asturies, patria querida. Esta princesa está prisioneira. Si, cativa. Forzada a estar onde non quere e custodiada seguramente por madelmans de vídeoxogos. O feito ocorre nun deses países aos que tan afecta é a “nosa” monarquía. En Dubái, nos Emiratos Árabes, que son tan escrupulosos no respecto aos dereitos humanos en xeral e aos das mulleres en particular. Un país con normas “relaxadas” para que as mulleres as cumpran, e que van dende a vestimenta (non amosar ombreiros nin xeonllos aínda que morran de calor; permanecer cubertas nas praias...) até calquera situación imaxinábel (ou non). 

Alí é onde se atopa a princesa Latifa, filla de Mohamed al Maktoum, gobernante de Dubái e primeiro ministro dos EAU. A súa voz e unha imaxe moi murcha dela nun baño (único sitio onde podía pechar a porta), saltaron ás noticias do mundo pedindo socorro con desespero.

O pai, din, ten secuestradas ás dúas fillas. Privadas até de respirar aire fresco, como vinganza contra a súa muller que lle pediu o divorcio. Latifa intentara fuxir hai tres anos coa axuda de amigos; foi atopada e reprimida, como calquera ser humano que ouse desobedecer ao réxime. O patriarcado non respecta nin as princesas.

Comentarios