Opinión

Presidenta

E se soñásemos? Mellor aínda: se puxésemos todo da nosa parte para conseguilo? De acordo, comezar con preguntas non é a mellor maneira de facelo. O que quere todo o mundo é respostas: a vida púxose esquiva nos últimos e distópicos tempos. Mais eu non teño respostas. Só teño, teimo en tela, esperanza. O que queda na caixiña de Pandora. Entón, como teño esperanza, soño. E soño con que por primeira vez, malia os estereotipos que falan da nosa terra coma un matriarcado, apareza o nome dunha muller ao lado do título de presidenta.

Cóntovos unha pequena anécdota. Miña neta maior tiña tres anos e estaba vendo na tele a que era xa a expresidenta arxentina, Cristina Fernández. A pequena, emocionada, dille ao pai: Mirá, papá, a presidenta. O pai contéstalle: Non, Mile, xa non é a presidenta. E a nena, toda chea de razón: Ah, entón, quen é a presidenta? Non concibía que non houbese unha presidenta. Cando naceu, unha muller, Dilma Rousseff, presidía o Brasil (expulsada do goberno por un impeachment amañado), e outra Chile, Michelle Bachelet.

As nenas da idade de Milena saben que se pode, teñen esa referencia interiorizada. E nós, polo menos eu, quero que as nenas galegas saiban que poden aspirar a todo, coma calquera ser humano.

Agora temos a oportunidade histórica de que unha muller feminista, con ideas de progreso, sexa elixida presidenta do país as próximas eleccións. Ímolo deixar pasar? Temos a posibilidade de xubilar un presidente nefasto para a lingua, a cultura, a saúde... Non o cambiariamos de boa gana por unha muller que nos mellorase a vida a todos e a todas? Veña, que se pode.

Comentarios