Opinión

Polacas

As mulleres sabemos que os nosos dereitos acadados non son para sempre. Calquera cambio político, económico ou imprevisto coma unha pandemia global, ponos en dúbida e destrúeos, así que as novas que chegan das irmás polacas fannos felices nestes días incertos.

Malia que o movemento feminista leva décadas loitando polas reivindicacións das polacas (van pola 7ª onda), foi penada a violación durante o matrimonio (1932), tiveron aborto 20 anos antes que nos EEUU e en Francia, os anticonceptivos foron subsidiados polo Estado e introduciuse a educación sexual nas escolas durante o comunismo (ollo, mantivéronse outras desigualdades, o feminismo estaba prohibido), a todopoderosa Igrexa Católica e as dereitas no Goberno (lembrade que tiveron un papa polaco), arrasaron con eses dereitos en 1993. 

Polonia, cunha longa historia de loita feminista que virou as estratexias para sobrevivir durante todos os cambios no país, ten hoxe unha das leis de aborto máis restritivas de Europa, coa intención de prohibilo de todo, polo que as mulleres saíron á rúa en masa a defendelo. Aborrecidas da flor e o perfume que lles agasallan o Día da Muller, as polacas rabuñan cada dereito acadado, mudan as estratexias e conseguen atraer a atención mediática global que fixo recuar ao Goberno e adiar a determinación de prohibir o aborto por motivos sociais. As polacas podían abortar en caso de perigo para a nai, violación ou incesto; os ultraconservadores negan eses mínimos. 

As mulleres organizadas na “Manifa” toman as rúas e berran con todas as súas voces en Polonia. Non hai volta atrás: feminismo ou barbarie.

Comentarios