Opinión

Pioneiras

Eles destrúen, nosoutras volvemos a construír, unha e outra vez. Agora poñen empeño en derrubar canto leve o selo de independencia das mulleres. Gústanlles, sobre todo, os murais. Gústalles estragalos, digo. Eses nos que aparecen mulleres antes agochadas, que axudan ás máis novas a identificar as referentes.

Por iso, só deixaron pasar trinta e catro días entre a creación dun mural nas rúas de Vigo e a súa vandalización. Por iso, logo de que grupos de mulleres (Marcha Mundial das Mulleres e Batucada Feminista Tamborililás) autofinanciaran os custos e traballaran arreo para pintar o mural, agora, elas mesmas, están a facer o dobre esforzo de restauralo.

Porque os antidereitos encheron de vermello sangue os ollos das pioneiras como  Saladina, a muller trans a quen a sociedade reprimiu dabondo; Rosario Hernández, a vendedora de xornais socialista asasinada nun cuartel da falanxe; Urania Mella, presidenta da sección viguesa da Unión de Mulleres Antifascistas; a primeira galega médica e xinecóloga, Olimpia Valencia; a fotógrafa Coroa González Santos; a guerrilleira Praceres Casteláns e Carmen González «A Picona», que curaba con plantas e acompañaba as mulleres a abortar naquelas épocas escuras.

Esta obra foi concibida e realizada nun acto de sororidade coas mulleres de Ciudad Lineal, de Madrid, cuxo mural foi esnaquizado por outros vándalos o pasado 8 de marzo. Para que vexades que teñen en conta as nosas datas importantes. E que esborranchan as súas frases de cabeceira, as poucas que poden escribir sen erros ortográficos.

Refaremos canto desfagan. Non hai volta atrás, compañeiras.

Comentarios