Opinión

Pilar

Vivimos nuns tempos grises, de distopías autocumpridas. Tempos de hordas que desfán todo ao seu paso. E de masas desmotivadas, entregadas, sen ánimo de reivindicar cousa ningunha.

O que non decae é a teima de insultar, ofender, ferir. Vén do lado que vén, claro. Para cada acontecemento, as/os neonazis dispoñen dunha ringleira de exabruptos que disparan polas súas bocas coma o outro, o campión mundial, o que cuspe os carozos das olivas. 

Xente sen empatía, sen modais nin respecto. Mais non é esa banda salvaxe e as/ os seus adeptos quen me preocupa. Chegarán ao seu teito e despenaranse, como en tantos outros momentos da historia. Quen me preocupa son as/os «falsos amigos». Preocúpanme as e os que van dunha cousa e son outra, as/os inconsistentes, as/os gardiáns da moral, as/os custodios de dogmas e preceptos. Eses me preocupan. Perdidas coma Lilith no día da nai, os seus vaivéns conseguen, ás veces, mudar para mal o conto. 

Hoxe non se pode falar de nada sen que aparezan estes individuxs a ditar a súa sentenza, a repartir agravios, a furgar baixo da terra con tal de demostrar a súa suposta superioridade moral. E non son lumpen, nin esfameadxs que votan e aplauden a quen os deixaría morrer de fame sen piedade. Son outrxs, as/os construtores de nada, coa escusa de que todo é imperfecto.

Porque é probábel, mesmo certo, que «ninguén fale de nosoutras cando morramos», mais que para difamar. Pode que só se oian estas voces baleiras, para as mulleres fortes. Aquelas que, coma Pilar Bardem, pensaron en por elas, rebeláronse. Aquelas a cuxa esquerda, coma ela dicía, só quedaba o abismo.

Comentarios