Opinión

Peruanas

Que as mulleres estivemos sempre en todas as batallas xa ninguén se atreve a negalo. Hai abondas probas que o acreditan. Até estivemos na caza dos alimentos e nas guerras contra os inimigos de quenda; demostrouse co descubrimento das tumbas de guerreiras coas súas armas, en moitas culturas. A última en América do sur. Costa pensar como puideron convencernos e domesticarnos para a reprodución e a crianza durante centurias, mais así foi. Ou case.

Acabouse, mozas; ese reloxo vira cara atrás. O feminismo deunos ás e imos usalas para voar onde faga falla.

Así o fan as mulleres latinoamericanas, en primeira liña contra as desgrazas que lle caeron ao continente cando alguén dixo que o descubrira. As cholas, as chilenas, corpo a corpo contra os pacos para protexer as manifestacións e as peruanas, agora, desactivando as lacrimóxenas para deter a represión contra o seu pobo.

A mobilización popular nas rúas de Lima detivo o golpe de Estado, mais a represión foi salvaxe, e os mortos púxoos, coma sempre, o pobo.

As mulleres peruanas estudaron a estratexia dos represores e actuaron. Aprenderon unhas das outras: crearon grupos desactivadores de lacrimóxenas. Con cascos, lentes de plástico, máscaras antigás e luvas para as altas temperaturas, varias mozas traballaron durante a segunda marcha nacional, cando a policía atacou salvaxemente aos manifestantes. Durante horas desactivaron bombas, no medio da represión, esquivando as balas. Os policías só paraban de lanzar gases para apuntar ao corpo das e dos manifestantes, como nunha guerra. Mais alí estaban elas, coma sempre e para sempre.

Comentarios