Opinión

Patriarcado

Na Arxentina, onde me atopo, nunha coñecida vila costeira, hai uns días foi asasinado un mozo de 19 anos nos arredores dunha discoteca. Fernando Báez o único fillo dunha parella de inmigrantes paraguaios, que traballaban coma encargados dun edificio do coqueto barrio de Recoleta, estaba a pasar unha semana de vacacións en Villa Gessell. 

O rapaz foi atacado por unha horda de xogadores de rugby que se abalanzaron sobre el ao berro de «negro de mierda,  te vamos a matar» e golpeárono até matalo, despois dunha discusión no interior da discoteca. Os rapaces implicados, os amigos de Fernando e a manda de rugbiers foron botados fóra do establecemento e, cando todo semellaba calmarse, dous dos individuos pertencentes a un club de rugby de Zárate (onde teñen atemorizada á vila) comezaron a atacar polas costas a Fernando, en quen bateron até o derradeiro suspiro. 

A partir deste suceso, que conmoveu poderosamente á opinión pública, saíron á luz unha enorme cantidade de ataques similares en distinto puntos do país, levados a cabo maiormente por rugbiers. A xente culpou masivamente a este deporte, que é en si mesmo violento. Hai innumerábeis casos de violencia machista practicada por xogadores de fútbol e o feminicidio cometido polo campión do mundo de boxeo «Carlos Monzón» contra a súa esposa en 1988 (agora serie de televisión), aínda rolda as mentes de millóns que o odian ou o enxalzan.

Non é o fútbol, non é o boxeo, non é o rugby, malia ser violentos: é o patriarcado que ataca a mulleres e a homes que non responden ao modelo masculino hexemónico. É o patriarcado quen mata.

Comentarios