Opinión

Patriarcadas

Juana Rivas é outra vez noticia: unha xuíza italiana arquivou todas as súas denuncias contra seu exmarido por maltratar os seus fillos. Xustiza patriarcal, xustiza criminal. Así de claro: patriarcadas.

Coñecemos dabondo o periplo de Juana na defensa dos seus fillos, na súa propia fuxida dun maltratador. E cremos en Juana, sen dubidalo. Mais a xustiza patriarcal española e italiana decidiron castigar a súa ousadía de xeito exemplar.

No mundo enteiro seguen na teima de matar mulleres, e é en México onde semella que nos odian cunha forza arrepiante. O último (até dentro dun anaco) foi a tortura e asasinato de Fátima, unha nena de tan só sete anos, en Tláhuac. Foi unha das moitas bestas que respiran o mesmo ar ca nós. Un fillo do patriarcado. Do mesmo patriarcado que nese país elimina unha muller cada dúas horas e media, e asasina doce nenas ao mes. Cifras detrás das cales hai milleiros de historias de sufrimento. Máis patriarcadas.

Morreu hai uns días María Moreno. Busco no Google, fuxindo das etiquetas que usan para os titulares dos medios e sigo perdida. Aparece María Moreno, unha extraordinaria escritora arxentina e tras unhas exploracións a María Moreno que busco. A que busco é a ela, non o faro, a luz, o sostén de Antonio López, como titulan os periódicos. No mesmo Google, ao lle dar a imaxes, non atopo obras desta artista que viviu á sombra do «xenio». As patriarcadas de sempre.

No Museo de Belas Artes de Bos Aires vin hai pouco unha mostra fantástica da impresionante artista que foi Norah Borges, a irma doutro «xenio». A descoñecida.

O patriarcado produce patriarcadas.

Comentarios