Opinión

Oportunidade

A crisis do covid19 está a poñer a proba todo o sistema. Especialmente as súas vulnerabilidades, que petan máis forte nxs máis débiles. E as máis febles somos as mulleres xa que, até agora, a historia e a súa resolución de conflitos de calquera índole deixou caer o máximo peso sobre nós.

Somos esencialmente as coidadoras, co risco e desgaste psíquico que implica. Os sanitarios son as sanitarias nun 68% (datos do Instituto da Muller: 50% médicas, 72% farmacéuticas, 81% psicólogas e 84% enfermeiras), cunha brecha salarial do 13 ao 15% e unha participación menor ao 20%, no ámbito europeo, na toma de decisións.

A perda de empregos vai ser maior para as mulleres (traballo precario, a tempo parcial, mal pago), segundo a OIT. A reincorporación ao mercado de traballo, moito máis difícil para nós, afectará a nosa autonomía e capacidade de decisión.

Temos unha oportunidade, das que din que xorden das crises. Vai depender de nós e da nosa capacidade de mobilización global, xa que, de non mediar a nosa presión, a axenda feminista tan duramente conseguida vai retroceder no tempo.

O retroceso pode implicar perdas de dereitos sanitarios, económicos e sociais, só que desta vez temos a obriga de non deixar que nos arrecunchen de novo. Agás no tema da violencia machista, no que o Estado tomou medidas, ninguén fala dunha visión de xénero que hai que incorporar indefectibelmente. Non podemos seguir expostas ao relaxo dos compromisos internacionais: a axenda feminista non só é válida en tempos “prósperos”. O urxente non pode aniquilar o importante e as abordaxes de xénero sono: sempre.

Comentarios