Opinión

Odio

Se algunha vez pensamos que sería o amor o que movería o mundo, vaia desgusto! O mundo móvese polos intereses dos ricos cada vez máis ricos que, cando non resolven polas boas que o pobo chan agradeza as migallas que lle botan coma os cacahuetes aos monos no zoo, acoden man o plan que segue. E o plan que segue é sempre peor.

Estou a pensar nos ataques contra as persoas homosexuais e transexuais dos últimos tempos. Unha especie de fobia que ataca a algúns grupos coa orella pegada aos discursos baleiros de sentido, cargados de mentiras e, sobre todo, cheos de odio da ultradereita. Xa sabedes: xs estranxeirxs, as feminazis, xs gais, xs mena, xs pobres, xs okupas, xs perroflautas, xs sen teito, xs batasunxs, xs indepes e bla, bla, bla. 

Antes do asasinato de Samuel Luiz xa os houbo e logo os ataques multiplicáronse espallándose por todo o territorio do Estado. Son muitos, están marcados polo odio ao diferente (noxenta forma de ignorancia) e é obvio que os producen hostes organizadas, de moitos contra un, que a valentía non sobra. 

Tamén hai quen denuncia o que non pasou e quita credibilidade aos poucxs que ousan facelo.

O bo, porque tamén o hai, é o gran rexeitamento social. E as outras cousas que ocorren no mundo: as afgás mobilizándose contra os Talibáns, resistindo a furiosa represión a tiro limpo deses «machos tan machos», e o triunfo das irmás mexicanas que recuperan, por fin, os seus corpos. A Suprema Corte de México, nunha histórica decisión xudicial, anula a pena que castigaba a IVE, sentando un precedente para todo o país. O amor non mandará, mais non vai desaparecer.

Comentarios