Opinión

O violador es ti

Como corolario ao 2019, ano en que as mulleres fomos protagonistas en moitos campos e tomamos masivamente as rúas para defender os nosos dereitos, unha performance que tivo lugar en Santiago de Chile, de novo ensanguentado, deu a volta ao planeta. Catro rapazas: Sibila Sotomayor, Daffne Valdés, Paula Cometa Stange e Lea Cáceres, de Valparaíso, crearon Las Tesis, para rescataren a teoría das pensadoras feministas e convertelas en ferramentas de loita.

Traballaron primeiro cos textos de Silvia Federicci (El calibán y la bruja, de 2004) e logo coa tese da antropóloga arxentina Rita Segato, quen analiza os factores que estruturan a violencia sexual contra as mulleres e a violación como un mandato da masculinidade fraxilizada. Segato afirma que na violación non hai interese sexual nin intervén o desexo: o que move os violadores é a afirmación do poder masculino.

Desta análise da sociedade contemporánea xurdiu O violador es ti, un himno que deu a volta ao mundo e foi replicado por milleiros e milleiros de mulleres.

Unha acción performativa acompaña a canción, que apunta á cerna mesma do patriarcado: e a culpa non era miña, nin onde estaba nin como vestía: o violador es ti (o que transgride es ti, o que dana es ti, o que matas es ti).

O violador é o home que viola, mais tamén é o Estado que consinte, xs xuíces que culpan ás vítimas, o sistema patriarcal que actúa de maneira idéntica en toda a Terra. A violencia machista non só non para, senón que aumenta na medida que medra o empoderamento das mulleres e a conciencia colectiva de que o mundo será feminista ou non será ren.

Comentarios