Opinión

Nomes

Din por aí que o que non se nomea non existe. E é certo en boa medida. Aínda que moitos nomes emerxen dende o tempo e a distancia para procurar xustiza. Nomes que por certo non foron nomeados.

Hai uns días aceptouse o cambio de denominación dun colexio de Pontevedra, que engadiu algo de luz sobre aqueles nomes que debemos lembrar e comezou a desbotar, de a pouco, restos dunha herdanza tan ilexítima coma tráxica. Dita escola pasou de chamarse Centro de Educación Infantil e Primaria Príncipe Felipe a adoptar o nome de CEIP Daría González García. Unha restitución máis que lóxica.

Daría González García foi unha profesora republicana nacionalista e galeguista, que dedicou a súa vida ao ensino, vencendo as dificultades que puñan «os campións da democracia» aos perdedores e perdedoras de aquela revolta dunha parte do exército contra o seu pobo. A ela non lle permitían opositar. E quixeron que non existise, non contando que o seu paso polas aulas axudaría a formar centos e centos de cabeciñas.

Agora, o seu nome acadou o recoñecemento que merecía e desprazou o de quen non fixo, ao meu ver, mérito ningún para que tanto sexa nomeado.

Á súa vez, o BNG de Santiago propuxo mudar o nome da Avenida Juan Carlos I ―o emérito sen méritos― polo de Avenida da República. Un nome máis que axeitado.

Pasaron oitenta e catro anos daquela desfeita, corenta deles en ditadura e corenta e catro pisando cristais para non ofender aos que non só ofenderon, senón que asasinaron, violaron, torturaron, roubaron e romperon a lexitimidade democrática do goberno estabelecido. Nomear tamén é facer xustiza.

Comentarios