Opinión

Nenas

Os seres máis desprotexidos da Terra son as nenas. Nin as baleas, nin as abellas, nin os tigres de Bengala, nin os cans de caza: as nenas. Porque se é tarefa de risco ser muller nun mundo desbordado de misoxinia, ser nena e sobrevivir é unha proba de resistencia.

Segundo UNICEF, máis de 120 millóns de nenas son abusadas sexualmente cada ano. Milleiros son secuestradas polos tratantes de persoas con destino á prostitución. En moitos países é legal que as nenas casen con homes maiores, ou que se lles practique a ablación de clítoris, ou que sexan obrigadas a seguir adiante con embarazos produto de violacións xeralmente ocorridas no seo da propia familia.

As nenas son abortadas (a partir dos anos 80 e as ecografías) na India, Paquistán, Xapón, China, Filipinas, Armenia, Acerbaixán, Xeorxia e Corea do Sur. Tamén en países desenvolvidos do primeiro mundo como Alemaña ou Reino Unido. O patriarcado global prefire os fillos. As mulleres son unha carga. Hai que alimentalas para que logo casen e non presten ningún servizo á familia, coidar a súa honra, procurarlles un dote... E, aínda por riba, non perpetúan a «liñaxe».

A vulnerabilidade das nenas é tan espantosa como a indiferenza das institucións e gobernos fronte a esta inxustiza. Hai uns días, o exército do Paraguai (un país cunha ampla tradición antidemocrática), no que chamou exitoso operativo antiterrorista, asasinou a sangue frío a Aurora e Lilian, dúas nenas arxentinas de 10 e 11 anos, unhas «feroces guerrilleiras». Un horror incualificábel que esixe condena.

Eles posaron logo para a foto. Sorrindo. Como os que matan elefantes.

Comentarios