Opinión

Nena

A nena que vive, como pode, dentro de min, miña nena interior sempre a derradeira en fuxir dos incendios todos, di que garda na memoria do seu pequeno corpo as pegadas da vida.

Que tiña 6 anos cando un veciño a tocou en partes da súa anatomía que non aprendera aínda a nomear; que aos 11 anos, outro veciño, no día da súa propia voda, pechouna nunha habitación da casa onde todos celebraban o casorio e se lle botou enriba tapándolle a boca, e apenas puido saír correndo de alí, sen comprender ren do que pasaba, cando alguén petou na porta buscando o feliz noivo; que aos 16, no seu primeiro traballo, o xefe, que a triplicaba en tamaño e idade, volveu pechar a porta do seu despacho..., e xa sabedes, até que, por sorte, ou porque ás veces semella que algunhas deusas existen, chegou alguén a petar naquela porta e ela saíu descalza dun pé, coma Cincenta, e logrou montar nun autobús que a afastou do Gran Bos Aires, onde traballaba, para levala á capital nunha viaxe de hora e media na que todo o mundo a miraba horrorizado mais ninguén se achegou a preguntarlle que lle pasaba.

E sempre foi culpada e se sentiu culpábel. E ten miña nena moitas máis memorias que non caben nestas liñas.

Acaba de ser, díxoo a ONU, o Día da Nena. Polos millóns de nenas que gardan horrores na memoria dos seus corpos, os máis de 31 millóns de nenas sen escolarizar (e as que o Goberno de Israel quere deixar sen aulas), os máis de 700 millóns de nenas casadas antes dos 18, os máis de 20 millóns de escravas sexuais, os 30 millóns con risco de seren mutiladas, por todas as nenas do mundo, miña nena di: Basta xa!

Comentarios