Opinión

Nazis

Hai uns días falamos do mural de Ciudad Lineal xestionado pola veciñanza como homenaxe a 15 mulleres feministas, que a ultradereita quería facer desaparecer tras capas de pintura para representar a atletas paraolímpicos (unha escusa coma calquera outra  para negarnos). 

A xente mobilizouse e conseguiu que a Asemblea de Madrid votase pola permanencia do mural; unha pequena vitoria agora tinxida co amargor dun ataque fascista e o negro que tapou as caras e o traballo dxs artistas que pintaran o muro no seu día. Está claro que nunca podemos dar nada por bo, por fixo, por sentado. Todo o noso é fráxil e vulnerábel. 

Non foi o único ataque nun 8-M criminalizado dende as institucións e impedido de ser e desenvolverse, nin sequera amosando a capacidade ben demostrada de prevención e coidado que manifestamos dende sempre (e máis nesta pandemia) as mulleres. Un 8-M de ataques, insultos, vandalizacións e outras herbas.

Na miña instalación con 3.000 máscaras con mensaxes de mulleres, en Vigo, alguén se dedicou a debuxar penes a moreas. Algo de todos os días. O fascismo e a falta de educación sexual, ou mellor dito o “aleitamento” de tantos rapaces na pornografía máis dura e salvaxe a un clic de distancia, constitúen o caldo de cultivo dunha ignorancia reguetónica para tanta rapazada, que leva o peor do patriarcado impreso na súa folla de ruta.

Os das pinturas negras, que nada tiñan a ver coas de Goya, son nazis. Non son vándalos, por máis que así os chamen nos medios hexemónicos, como tampouco son partidarios da unidade de España quen erguen o brazo dereito embandeirados coa “rojigualda”.

Comentarios