Opinión

Mural

Un mural periga. A comunidade de Cidade Lineal deféndeo. O berro chegou até The Guardian. Nel, os retratos de 15 mulleres con abondos méritos para estaren alí. Frida Kahlo; a querida Gata Cattana; a grande Emma Goldman; a inesquecíbel Comandante Ramona; a pioneira Rose Parks; a astronauta Valentina Tereshkova; a loitadora Angela Davis; a brava Rigoberta Menchú; a libertaria Lucía Sánchez Saornil; a activista LGTBQI Rosa Arauzo; a lúcida Chimamanda Ngozi Adichie; a deusa Nina Simone; a combatente Liudmila Pavlichenko; a feminista e mártir xaponesa Kanno Sugako e Billy Jean King, unha das mellores deportistas da historia.

Faltan, claro. Un mural con todas as mulleres que moveron o mundo precisaría, polo menos, da Gran Muralla Chinesa. Que son todas de esquerdas, madía leva! Que falta Margaret Thacher (Villacís dixit). E Eva Braun, Pili Primo de Rivera e Isabel a Católica! Só que unha comunidade loitou pola realización do mural e un Pleno da Asemblea de Madrid aprobouno por unanimidade (non estaba Vox), o que lle hai que lembrar ao «boneco de torta», do alcalde. Non é democracia borrar algo querido, procurado e defendido por tanta xente, Mr Almeida. 

Fixen muralismo na Escola Superior, en Bos Aires; o primeiro que nos dixeron foi que un mural é unha ferramenta política. Político é todo o humano. Como as expresións dxs paleolíticxs nas covas, os muros do Renacemento, o muralismo mexicano. Diego Rivera pintou (encargo da Ford) na Escola de Artes de Detroit, no cerne do Imperio, a súa versión da historia do proletariado. Ninguén o quixo borrar. 

O mural queda, os inquisidores tamén.

Comentarios