Opinión

Mulleres e exilio galego republicano no Río da Prata

Eu nacín e medrei no seo dunha familia galega e republicana. Meu pai e miña nai embarcaran no 51 no Alcántara, da Royal Male Line (a Mala Real Inglesa), os buques de percorrido circular con pasaxeiros duns portos a outros en distintos continentes, que publicaban avisos nos xornais da época convidando á «aventura» ás persoas que a sorte deixara de lado. No porto de Vigo montaron meu pai e miña nai, co posto e sen pasaxes. Así empezou a odisea que os levaría á capital máis austral do continente, despois de que a fame e a clandestinidade marcaran a ruta. Había quen tiña que fuxir porque a súa vida perigaba e quen fuxía da miseria. Malia que moitos galegos e galegas da miña infancia montevideana fosen adeptos ao réxime, toda migración é política. Porque unha política devastadora os levou por diante cando o máis rancio dunha cultura decidiu non tolerar que a xente estudase, se instruíse, pensase por si mesma. Entre as e os migrantes, concienciados ou non, transcorreu a miña nenez. Meu pai e miña nai foron exiliados políticos tardíos. É un dicir, Francia ficaba lonxe, Portugal estaba en mans do salazarismo, e por aquí non se podía saír a menos que tiveses ás. Eles vivían en Lugo cos vencedores (meu pai tivo o número sete de filiación á CNT), onde todos se coñecen, onde todos saben quen es, coa paranoia e a ira contra quen foron capaces de destruílo todo. Meu pai e miña nai casaron o 5 de xaneiro do 51 na Igrexa de San Froilán en Lugo (non tiñan outro xeito de casaren) xa que para o que decidiran era vital emparentarse. Unha semana despois montaban nese barco. Esta imaxe flotou sempre no meu maxín. As microhistorias. As narracións que non caben nas historias oficiais, que para iso son oficiais e as escribe quen gaña. As narracións dos seres humanos obrigados a deixalo todo, porque quen manda reparte as cartas da baralla reservándose sempre as gañadoras. Desas microhistorias, as máis esquecidas, as máis esvaecidas como as fotos vellas, son as historias das mulleres. Por iso teimo en rescatalas. 

Malia que moitos galegos e galegas da miña infancia montevideana fosen adeptos ao réxime, toda migración é política


As mulleres pelexaron sabendo que ían perder o que conquistaran, que as reducirían á casa, á igrexa, á non vida. Coidaron aos enfermos, nenos, nenas, anciáns; fixeron intendencia e labor educativo nas escolas. Foron espías, enlaces. Cabezas de familia pola mobilización de pais, irmáns, maridos; sacaron adiante á familia traballando no que podían. Esa militancia a prol dun mundo mellor levounas ao cárcere, á morte. As que quedaron sufriron unha represión salvaxe, as que partiron ao exilio mudaron as súas vidas. Adaptáronse ao país de acollida, a tecer a vida dos demais a base de destecer a propia. Recompuxeron en modestos fogares alugados, en pensións, en pisos compartidos, o mundo que perderan. Preservaron a lingua, a cociña, os costumes e, de xeito natural incorporaron os novos hábitos. Pezas  fundamentais no proceso de integración dos fillos e fillas, preservadoras da identidade, pontes entre culturas. 

Os maridos tiñan faladoiros nos cafés; elas nas casas, entre mulleres, arranxaban a vida. Promovían actividades nas asociacións galegas creadas antes e despois da guerra. Eran visíbeis e invisíbeis á vez. 

As mulleres pelexaron sabendo que ían perder o que conquistaran, que as reducirían á casa, á igrexa, á non vida


En Bos Aires, malia que o goberno do xeneral Xusto (de xusto ren) se opuña á recepción de exiliados republicanos, boa parte da intelectualidade organizouse para axudalos. Vitoria Ocampo, feminista, filla da burguesía, directora da prestixiosa revista Sur, intercedeu para que se instalasen na Arxentina. 

Ningún suceso europeo tivo a repercusión que a Guerra Civil acadou na sociedade riopratense. Con todo, o comezo estivo cheo de incertezas. Non foi doado conseguir traballo. Cambiábase de oficios para asegurar a supervivencia, mentres pensaban no retorno. O exilio remataría coa caída de Franco á fin da II Guerra Mundial. A idea foi esvaecendo e conviviron cos dous mundos e a sensación de non pertencer a sitio ningún. A perda da terra produciu nestes homes e mulleres unha fenda da que non puideron fuxir. 
A colectividade española era a segunda máis importante de Montevideo e Bos Aires. Na Arxentina atopábase a colonia española máis numerosa do mundo e a meirande parte dela eran galegas e galegos.

O exilio remataría coa caída de Franco á fin da II Guerra Mundial. A idea foi esvaecendo e conviviron cos dous mundos e a sensación de non pertencer a sitio ningún

 

As exiliadas fixeron o que as antigas inmigrantes. Serventas, cociñeiras, costureiras, bordadoras, tecedoras, dependentas en pequenos negocios de paisanos... As comidas falaban de adaptarse ao país e integrar os seus elementos, ademais de manter os de orixe. Cociñaron o peixe –escaso na dieta arxentina–, a empanada galega, a tortilla de patacas… Adaptáronse á carne vacúa. Lembro a miña buscando o peixe para a caldeirada, o unto e as nabizas para o caldo, levando a enfornar ás panadarías a empanada, e aprendendo que as filloas eran panqueques.

Falar do exilio galego no Río da Prata é falar da miña historia, a dunha diáspora que tivo e ten unha enorme importancia. A sociedade riopratense actual sería impensábel sen a presenza da comunidade galega. E, dentro dela, as mulleres melloraron a vida.
 

Comentarios