Opinión

Momento

Se cadra é o momento. O momento de reflexionar, de expandir as alas dentro dos nosos cubículos, de desafiar os poderes, cacerolear e esixir contas. Se cadra é o momento de rexeitar os continuos enganos, as farsas, os ninguneos. Se cadra é momento de ceibarnos, de abrir as ventás e respirar fondo, de cantar coa veciñanza, de aplaudir a quen loita pola nosa saúde, de berrar contra os que destrúen o ben común. O momento de atender os pequenos detalles, ouvir tras as portas e coidar ás mulleres confinadas cos seus inimigos. Ás crianzas confinadas cos proxenitores salvaxes. A hora de pensar que este sistema nos fagocita, nos exclúe. Que a partir de certa idade aínda contamos menos que o nada que contamos: unhas cantas pensións que se aforran. Que non hai razón para aturar as mentiras, a hipocrisía. O instante de sacármonos de enriba a máis pesada das coroas. A que nos impuxeron co dedo do ditador criminal apuntando dende o inferno. O réxime de mentiras que nos inculcaron con tanto empeño. Seica vai ser o momento de mirar por nós e a xente máis querida; tamén pola máis feble, a que nada ten, a que vive nos lindes dunha corda sempre frouxa. O momento de que renaza canto temos de humanxs, na marabillosa acepción do termo. De resistirmos e devir máis fortes e máis críticxs. De acompañar os sentimentos propios e expresalos, de aguantar os abrazos para que logo, cando se poida, agromen desmesuradamente. De vencer a todos os virus e todas as coroas. De sinalar ao cerne deste sistema noxento e obrigalo a cambiar. De protexer a Terra, de sermos a mellor versión de nós mesmxs.

Comentarios