Opinión

Marielle das favelas

“Meu nome é Marielle Franco. Sou mulher, negra, mãe e cria da favela da Maré. Sou socióloga com mestrado em Administração Pública. Fui eleita Vereadora da Câmara do Rio de Janeiro pelo PSOL, com 46.502 votos.  Hoje, sou também Presidente da Comissão da Mulher da Câmara. Iniciei minha militância em direitos humanos após ingressar no pré-vestibular comunitário e perder uma amiga, vítima de bala perdida, num tiroteio entre policiais e traficantes no Complexo da Maré. Aos 19 anos, me tornei mãe de uma menina. Isso me ajudou a me constituir como lutadora pelos direitos das mulheres e debater esse tema nas favelas. Acredito que ocupar a política é fundamental para reduzir as desigualdades que nos cercam. Você também?”

As súas propias palabras. As palabras dunha muller moi valente, loitadora incansábel, cun sorriso planetario que puña en descuberto os seus soños, os seus ideais, a súa crenza irredutíbel en que un mundo mellor é posíbel. Así era Marielle nun Brasil que rompera todas as regras democráticas (coa mirada cómplice das democracias occidentais) e impuxera unha ditadura enmascarada a través do famoso impeachment (proceso aplicado nalgúns países mediante o cal o poder lexislativo pode imputar e destituír ao poder executivo se atopase indicios de delito na súa función) contra a presidenta Dilma Rousseff (negra, esquerdista, ex guerrilleira presa da ditadura), con falsas acusacións (Michel Temer recoñeceu nunha entrevista televisiva que o proceso de impeachment que destituíu a mandataria electa Dilma Rousseff se xestou coma un acto de vinganza do ex titular da Cámara de Deputados, Eduardo Cunha, despois de que o PT lle quitase o seu apoio no Comité de Ética. A defensa de Dilma presentará a declaración de Temer como proba. "O Supremo ten agora a proba de que non foron as irregularidades fiscais as que levaron a Eduardo Cunha a aceptar o proceso de impeachment, senón a vinganza porque ela non cedeu ás súas chantaxes"), das que case ningún medio, xaora, deu conta até o presente. Do Brasil xigante durmido que espertou co arribo ao goberno dun obreiro metalúrxico, que tanto rancor producira nesas clases oligárquicas todopoderosas acostumadas a facer e desfacer. A facerse e desfacerse mesmo da vida das persoas, a determinar que para manter unhas desigualdades enormes que lembran as sociedades de clases da India ou Pakistán, tiñan que encher as favelas de droga, policía corrupta e escuadróns da morte. Da favela Complexo da Maré (con 16 favelas e 130.000 habitantes) saíu (naceu e elixiu vivir alí) Marielle, que estudou con bolsas toda a carreira de Socioloxía, que abrazou como proxecto de vida a defensa dos más desposuídos, dos parias da terra. E das parias máis parias: as mulleres. Todo ese desborde de enerxía e entusiasmo a prol dunha mellor vida para tanta xente foi aniquilado o 14 de marzo de 2018 cando acabaron coa súa vida e coa do compañeiro Anderson Gomez, que ía no coche con ela. Balas policiais, das que usan os efectivos da Policía de Río de Janeiro, foi o  resultado da análise dos cartuchos asasinos. Non podía ser doutra maneira. Coma non podía ser doutra maneira que medio Brasil se alzara de inmediato contra este crime. Con medo claro: a negra e longa existencia dos outrora célebres escadróns da morte ocupan un espazo importante no inconsciente colectivo da xente do pobo. E a unha semana apenas das mobilizacións dos movementos de mulleres máis multitudinarias da historia do feminismo no mundo, e tamén no Brasil, os asasinos saen facer horas extra e levan por diante unha vida nova e a esperanza de milleiros de persoas. O Brasil pobre, o meirande, non vai esquecer a Marielle. Mais o Brasil rico tampouco. Porque saben que sementaron ou mellor dito ovularon millóns e millóns de Marielles. E seica esta caza de bruxas ten a ver co enorme pánico que lles produce que sexamos tantas, que medremos día a día, e que por ningunha razón vaiamos abandonar a loita. As mulleres imos cambiar LUTO por LUTA: por Marielle e por todas e cada unha das parias deste Terra.


 

Comentarios