Opinión

Maricón

O paras de gravar, o te mato, maricón. Unha frase sumada a insultos como subnormal ou fillo de puta (todos eles inaceptábeis), e unha malleira que rematou coa vida de Samuel Luiz, na Coruña, o pasado 3 de xullo.

Unha testemuña falou de “12 latinos, que ían amodo e por iso lle deu tempo a contalos”. Os latinos veñen de Latinlandia? Eu tamén prexulgo: o señor levaba unha máscara coa rojigualda.

Volvo a Samuel. Esfórzanse en negar que foi un crime de odio. Ben, eu tamén lle chamo maricón a calquera porque penso que me está a gravar (coma se gravar a alguén, se así for, xustificase unha malleira letal). E fillo de puta, e subnormal. Unha lóxica bestial. Unha lóxica de tempos en que unha boa parte da xuventude, aparvada polo capitalismo salvaxe, recorre ao alcohol como vía única de pracer. E todo vale porque o «eu» é o máis importante.

Negar a carga de homofobia é desvincularse sen complexos dunha falta de conciencia social aterradora. Que clase de individuos son estes mozxs? Os que queiman os mendigos, violan en manada, desprezan a quen amosa un valor que elxs nunca terán, como é do de enfrontar o mar por procurar un futuro.

É evidente que lle queren sacar as papas do lume ás organizacións fascistas que berran no Congreso. Non vaia a ser que alguén sume dous máis dous... Porque as agresións homófobas medran nos últimos tempos. Os tempos de prexuízos rojigualdos, quero dicir.

Boa parte da sociedade reaccionou; é de destacar. Na capital do reino foron mesmo reprimidos con fereza (vergoña!). Arelo ese rexeitamento social para cada feminicidio, para cada nenx vítima do patriarcado.

Comentarios