Opinión

A María José Meilán García

Quedou pendente unha tarde de confidencias, unha tarde amiga, festexo da vitoria. En tempos con tan pouco que celebrar, a vida empéñase en construír cambadelas infranqueábeis. A vida pola que lidaches, a vida que tanto deveciches, a vida que, sobre todo, merecías. 

Agora, que a penas hai tempo de chorar as perdas. Tempos de incertezas e malos augurios. Liñas de puntos dunha vida a outra, da tristeza ao absoluto desacougo. 

En momentos aos que non se pode voltar abrigamos, ti máis e con maior motivo, a esperanza do encontro que te che deixase a salvo. Lonxe da avarenta morte. 

Non foi moito en cantidade o tempo que tivemos, mais abondou para irmandarnos no máis fondo, nos meandros de ríos subterráneos que flúen como o sangue. Nas complicidades xermoladas a carón de vivencias compartidas, non importa en que galaxia. Regueiros de pensamentos cosidos á identidade para non perdelos, o desexo teimudo de deixar de perder. Por unha vez, deixar de perder.

As dúbidas, as pequenas certezas, os achados sen nome, a melancolía e a dita suprema de honrar a vida. Porque iso era exactamente o que facías, miña querida: honrar a vida. Que non é exactamente o mesmo que vivir, como di Eladia Blázquez. Ti, boa e xenerosa das de verdade, viviches coa fortaleza exacta de quen veu a este mundo para deixalo mellor de o que o atopou. E podo afirmar, compañeira da alma, imprescindíbel, que aquí che queda gravada esa vitoria.

Comentarios