Opinión

Mafalda

Que as nenas da miña xeración medrásemos coa referencia dunha nena, non un neno, coñecida no mundo polas súas mensaxes poderosas, é algo que lle debemos a Quino. E que nosas fillas e netas vexan coma unha pequena desafía os canons estabelecidos, segue a ser a maxia de Quino.

A miña nena maior chámase Libertad. Abofé que a liberdade como tal ten a ver no seu nome, mais púxenllo por Mafalda. E puiden contarllo ao mestre na inauguración dunha mostra á que o convidamos e tivo a humildade de asistir. Díxenlle: Ves esa nena que non para quieta un segundo? Chámase Libertad, por tu Libertad. Ruborizouse, mirou para min cos seus ollos de boa persoa e respondeu: Si? Que lindo!

A miña filla pequena recolleu nunha personaxe propia, Dina Mita, outra nena explosiva e brava, moi boa parte do que mamou de Mafalda.

Estamos atravesadas, nós e millóns de persoas, por aquela nena debuxada para unha publicidade de lavadoras, cuxo fabricante rexeitou, afortunadamente, a encarga.

Quino foi ameazado pola Triple A, unha organización paramilitar de ultradereita. Tivo que exiliarse, coma tantos milleiros de compatriotas. Mais Mafalda e o seu lapis resistiron a barbarie. Cando lle preguntaron por que Mafalda non medrara, dixo: Sería unha desaparecida máis.

Non cabe dúbida. Aquela nena inquirindo a nai que sobre que querería ser no caso de ter vida, só podía ser unha membra da miña gloriosa xeración castigada polo terror: torturada, violada, roubado o froito do seu ventre e botada ao mar, coma tantas e tantas.

No ano 90, vin nenas en Moscova con mochilas de Mafalda. A onde non chegou o teu legado, caro mestre?

Comentarios