Opinión

Madrid

Non vou caer nos tópicos machistas de insultalas. De pensar que son parvas e dicilo. De dicir que son ignorantes e nótase; non fai falla ser experta. De subliñar que dan realmente noxo porque, aínda que sexa triste, dan noxo. A ver, dan noxo se te collen desprevida, do contrario, se estás pensando no que hai detrás de cada unha delas, se tes en conta o que representan, o que defenden, o que propoñen, malia parecer que non propoñen nada, o que expresan e do xeito que o expresan, o que dan é medo. Un medo moi gordo e moi atávico. Un medo que ten a ver coa memoria, coa escuridade, cos tempos de sombras e pantasmas que dunha parte ou doutra ben coñecemos.

Eu teño por norma non falar mal das mulleres, sexan quen sexan, representen o que representen, mais, ás veces, pídeme o corpo facer unha excepción. Algo que non debería ser unha excepción porque non vou falar delas para criticarlles o vestido, o peiteado e nin sequera a falta de cultura xeral ou de cultura cívica en particular. Non vou falar delas para afear os seus pésimos modais (moi mal anda o ensino privado), os acenos de desprezo permanentes nas súas facianas, a facilidade asombrosa para mentir e ficar tan anchas, a maldade, obvia, que se cae xunto coa soberbia dos seus beizos pintados de vermello. Non falo mal das mulleres, porque moito máis teñen que rascar os seus xefes de partido, e a eles tócanlle, por norma, menos paus. 

O que si vou dicir que esas mulleres, que non estarían alí sen a loita secular das feministas, son dúas fascistas noxentas. Unha representación do peor de cada casa. As iconas dun gris mundo malsán.

Comentarios