Opinión

Raíñas

Entre pandemias e monarquías, un tufo irrespirábel a Idade Media teima en flotar no aire. Unha, que viviu a meirande parte da vida nunha república, non entende certa xenuflexión que se respira. Moita xente do común leva tatuada na xenética a submisión e o acatamento. Por sorte, abonda a que non. A que esixe saber, a que demanda, a que non traga sapos.

No rebumbio deume por pensar nas dúas “raíñas”, marcadas no bico cun trazo nada parecido á felicidade.

Unha, traidora a súa clase, a outra, aristócrata de berce. Vítimas estas dúas? Pois, a mi xéranme pena. Dous produtos irrevogábeis do patriarcado. Dúas mulleres soas e sen voz. Que fixeron unha elección de vida? Pode. Así como eliximos as mulleres todo, daquela maneira. Para conformar aos demais, para sermos fieis aos mandatos transmitidos.

Unha tivo acceso a outra vida: por que decidiu formar parte desa gran farsa que é a monarquía? A outra leva décadas mirando cara a outro lado (coma tantas burguesas), representando o papel que lle inculcaron antes de que a realeza fose expulsada da súa patria. Patria, matria? Esta xente non ten diso. Cren firmemente nos privilexios de caste.

Malia todo, véxoas soas e sen voz propia. Non as vou chamar vítimas, mais non teño claro que non estean oprimidas. Quedar sen queixelo o sen nariz por encaixar no molde, semella un prezo alto. Atopar as amantes do teu home na túa cama e aturar, tampouco parece doado.

Chamádeme parva, a min inspíranme compaixón. Non empatía, non coma milleiros de mulleres que rabuñan cada centímetro de vida. Coma a carcasa de algo que morrerá, á fin, sen contar con elas.

Comentarios