Opinión

Lei

Se Bolsonaro o lamenta significa que algo moi bo para a humanidade acaba de ocorrer. Foi na Arxentina. Onde milleiros de mulleres levaron adiante unha loita polos seus dereitos reprodutivos e acaban de gañala. O senado da Nación arxentina aprobou, por 38 votos contra 29, a lei que permitirá ás mulleres (a lei di persoas xestantes) ser donas do seus propios corpos.

Deste xeito, Arxentina formará parte do até agora pequeno grupo de países e rexións que recoñecen o dereito á interrupción voluntaria do embarazo: Uruguai, Cuba, Güiana Francesa, Porto Rico e Cidade de México. Alí permítese na actualidade que as mulleres soliciten a ILE sen importar a causa do embarazo.

O Senado arxentino aprobou o proxecto de lei enviado polo presidente Fernández, que permite o aborto nas primeiras 14 semanas de xestación e obriga as entidades de saúde a practicalo, mesmo se algún dos seus profesionais reclama a obxección de conciencia. Porén, esta é a parte menos feliz da lei, porque deixa libradas á vontade de moitos médicos antiderechos a rapazas menores de idade, a nenas, no interior da Arxentina, nas súas provincias máis feudais e empobrecidas, onde centos de raparigas son violadas ao ano. É moi probábel que se consiga burlar a lei, por moi boas intencións que esta teña.

Esta lei é, non obstante, un inmenso logro. Algo que parecía imposíbel. Algo que é exemplo vivo e vai prender coma lume sobre herba seca no resto do continente, diga o que diga Bolsonaro. A campaña polo dereito a decidir fixo historia: foi lei. A marea verde foi sunami. O mundo é, dende o 29-D, un lugar moito máis saudábel.

Comentarios